O BNG insta o Goberno español a exixir a Israel o cesamento dos ataques á Faixa de Gaza

O Estado israelí acaba de dar un prazo de 24 horas para a evacuación de máis de 1 millón de palestinos do norte de Gaza porque vai levar a cabo unha ofensiva e invasión terrestre da zona. Algo que se “debe parar canto antes e que pon en evidencia a pretensión do sionismo de levar a cabo unha limpeza étnica pola vía de baleirar a Faixa de poboación Palestina”, indican desde o BNG.
Angela Gippini, Xoán Gabeiras e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Angela Gippini, Xoán Gabeiras e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo esta sexta feira unha reunión cos representantes da organización Galiza con Palestina, Angela Gippini e Xoán Gabeiras, aos que trasladou as iniciativas presentadas no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado que exixa a Israel que pare os ataques e a invasión á Faixa de Gaza.

O Estado israelí acaba de dar un prazo de 24 horas para a evacuación de máis de 1 millón de palestinos do norte de Gaza porque vai levar a cabo unha ofensiva e invasión terrestre da zona. Algo que se “debe parar canto antes e que pon en evidencia a pretensión do sionismo de levar a cabo unha limpeza étnica pola vía de baleirar a Faixa de poboación Palestina”, indican desde o BNG.

Apertura de corredores humanitarios

Rego apela ao Executivo español a actuar pola vía diplomática con urxencia, tanto no seo da UE como na Comunidade Internacional para exixir a Israel o cesamento da aniquilación e invasión de Gaza, o cumprimento da legalidade internacional e o respecto aos dereitos humanos. Neste sentido, pide ao Goberno español que exixa ao Estado israelí a “apertura de corredores humanitarios para que as organizacións de axuda humanitaria poidan asistir debidamente a poboación gazatí”.

Rego reclama o fin dos cortes de subministracións de luz, auga e comida que vulneran a legalidade internacional e os dereitos humanos. “A Comunidade Internacional debe condenar firmemente esta brutal ofensiva sobre Gaza que supón o exterminio da poboación, un verdadeiro xenocidio”.

Recoñecemento do Estado palestino

O deputado do BNG emprazou tamén o Executivo español a adoptar unha posición centrada en acabar canto antes cos ataques sobre Gaza, “liderando na UE a adopción de medidas e xestións diplomáticas para estabelecer a paz”.

Ademais, na proposición non de lei, lémbrase ao Goberno a necesidade de reclamar a Israel o cumprimento dos Acordos de Paz, as resolucións da ONU que condenan a ocupación dos territorios palestinos e as políticas de colonización e apartheid. “E a importancia de proceder ao recoñecemento do Estado palestino porque é o único camiño para construír a paz na zona e a normalización de vida da poboación”, como recollen as resolucións de Nacións Unidas.

Acabar co bloqueo a Gaza

Para iniciar a vía da normalización, subliña o deputado do BNG, “é preciso que o Estado de Israel poña fin ao bloqueo de Gaza por terra, mar e ar”. No que atinxe ao papel da UE, considera o parlamentar do BNG que o Goberno español debería traballar para que se incremente a axuda humanitaria, económica e social á poboación gazatí, “sometida agora mesmo a unha terríbel devastación”.

O deputado do BNG relata nas iniciativas a situación que sofre a poboación palestina desde hai décadas, “empeorada nos últimos anos con constantes bombardeos, asaltos aos seus domicilios, ocupación dos seus territorios, sen liberdade de circulación e vivindo inmersos nun bloqueo inhumano”. Salienta a “agresiva política de colonización de Israel. Palestina viu arrebatado a maior parte do seu territorio desde 1948”.

Comentarios