O BNG exixe á Xunta que paralice "de inmediato" as verteduras de augas residuais da mina de San Finx

Os niveis de cadmio detectados nas inmediacións da instalación son 78 veces superiores ao permitido

A deputada do BNG Rosana Pérez no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Rosana Pérez no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG Rosana Pérez presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas nas que esixe á Xunta da Galiza que paralice de inmediato as verteduras de augas residuais da explotación de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), "tras constatar a propia Administración altos niveis de contaminación augas baixo as balsas mineiras".

Tal e como sinalaron nun comunicado, os resultados das análises levadas a cabo por Augas da Galiza, ente público dependente da Xunta, na contorna das balsas da mina, "mostran niveis de metais pesados na auga que superan amplamente os máximos legalmente permitidos".

En puntos non autorizados do río Rabaceiras, destacou a deputada, o nivel de cadmio detectado é 78 veces superior ao permitido; o de cobre, 48; e o de cinc, 8.

Autorización para verter augas residuais

"Os niveis de contaminación detectados en agosto son recorrentes, pero agora son recoñecidos expresamente pola Administración galega, a mesma que nunca antes actuou respecto diso e a mesma que procedeu a outorgar un expediente de autorización de verteduras a unha empresa que non é fiábel nin solvente", censurou Pérez, aludindo ao permiso outorgado en febreiro pola Xunta da Galiza para verter en dúas fases "catro millóns de metros cúbicos de augas residuais da explotación mineira" ao río Pesqueira.

A formación nacionalista critica na súa iniciativa que desde hai anos as sucesivas empresas concesionarias da explotación mineira "trataron de esquivar a súa responsabilidade de recuperación ambiental da contorna da mina e sobre o importante problema que supoñen as balsas de residuos contaminantes".

"Non é lóxico que con esta serie de incumprimentos e cunha proba piloto máis que cuestionábel feita pola empresa, a Xunta vaia permitir verter sobre o medio miles e miles de litros de auga con metais pesados, nin que non considere eses incumprimentos. Motivos máis que suficientes para paralizar a súa actividade e obrigala a restaurar o medio", afirmou.

Situación de “ilegalidade”

Por todo iso, o Bloque esixe no Parlamento que a Xunta "paralice de inmediato" as verteduras de augas da mina de San Finx, "articulando todos os mecanismos legais e técnicos que sexan precisos".

Así mesmo, reclaman ao Goberno galego que obrigue á empresa a cumprir a Lei de Responsabilidade Ambiental para previr, evitar e reparar danos ambientais e, de non ser así, "que actúe subsidiariamente con cargo ao patrimonio da concesionaria, dos seus administradores, propietarios e demais responsables subsidiarios".

Finalmente, na iniciativa presentada polos nacionalistas, emprazan a Xunta a suspender a actividade da empresa mineira concesionaria mentres non leve a cabo o obrigado estudo de impacto ambiental da mina e se regularice a situación de ilegalidade na que se atopa a explotación.

Comentarios