O BNG exixe a Feixoo que non aproveite a crise para volver precarizar a sanidade pública

 A deputada nacionalista Montse Prado pediu á Xunta non empregar a crise causada pola COVID-19 para voltar a precarizar as condicións laborais do persoal sanitario e instouna a non continuar a política de recortes e privatizacións.
A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)

A deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado exixiu á Xunta da Galiza “que non persista no erro de primar os intereses económicos fronte ás necesidades asistenciais de todas as galegas e galegos” e instou ao Goberno galego a non cometer “o erro de utilizar a crise da COVID-19 como paréntese e escusa” para continuar co “déficit, a precarización, os recortes e as privatizacións”.

Para a deputada do BNG representa unha “irresponsabilidade” prescindir de persoal mentres se mantén a emerxencia sanitaria e lembrou que no prazo dunha semana “a Xunta da Galiza tivo que rectificar dúas decisións” que significaban desprotección e precarización de profesionais eventuais, rompendo o vínculo laboral de profesionais que enfermaban polo contaxio do coronavirus e coa rescisión de contratos de profesionais de reforzo.

Prado recalca que só a “denuncia pública” provocou que a Xunta rectificara estas decisións “insensatas e inxustificadas”.

"A primeira lección que nos deixa esta crise é a constatación de que o máis valioso que ten a sanidade pública é o seu persoal”, dixo Prado 

A xuízo da deputada, o proceder da Xunta evidencia “falta de previsión e improvisación” na xestión da crise ademais de demostrar “unha grande irresponsabilidade” ao prescindir de profesionais cando se produce unha pequena baixa asistencial sen ter a seguridade de que se podan producir repuntes na pandemia.   Un mes despois de terse decretado a emerxencia sanitaria e o o estado de alarma, explicou a nacionalista, “seguen detectándose deficiencias que aumentan o risco de contaxio e inseguridade”.

Prado denunciou ademais que “o persoal sanitario continúe sen material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio pola COVID-19, que non se realicen tests ao todo o persoal, que se asinan contratos por días e semanas, e que faltan protocolos claros nos servizos. Ademais, Prado tamén destacou o contaxio constante en plantas “non COVID-19” como xa foi denunciado no Hospital de Oza.  

A parlamentaria do BNG afirmou que “a primeira lección que nos deixa esta crise é a constatación de que o máis valioso que ten a sanidade pública é o seu persoal”.

“Son magníficas e magníficos  profesionais que dan diariamente o mellor de si, arriscando a súa saúde para garantir a da poboación”, dixo. Sobre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que o mandatario “gaba ao persoal nas roldas de prensa mais as decisións da Xunta desmenten ese recoñecemento”.

O BNG pide máis recursos para reducir a sobrecarga

"Ao persoal do Sergas “suspendéronlle os seus dereitos de conciliación, días libres, e vacacións pola súa disposición absoluta para atender á pandemia, e resulta necesario compensar ese esforzo”, recalcou Prado.

Nese sentido, o BNG propuxo manter o persoal contratado para reforzar os cadros de persoal, non só na emerxencia sanitaria, senón mentres se realice a recuperación da “normalidade asistencial”.

“O mantemento de persoal e recursos  deben estar presentes na Atención Primaria, nos  ingresos e consultas hospitalarias, na realización de  probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e minimizar a acumulación das listas de espera co fin de permitir o merecido descanso do persoal, na medida que a presión asistencial o posibilite para  rematar coa enorme sobrecarga que levan anos padecendo”, sinalou Prado.

A parlamentaria nacionalista tamén pediu que “se tomen de inmediato medidas para garantir a protección de profesionais e minimizar os contaxios”, ao tempo que exixiu a realización de tests a todo o cadro, coñecer o número de traballadoras e traballadores do Sergas contaxiados; e pór en marcha protocolos en cada unidade e servizo, baseados na evidencia científica, no risco de contaxio, e non en función da disposición de material.

“Hai que rematar coa improvisación de material de protección con bolsas de lixo”, advertiu.

“O mellor aplauso e recoñecemento”, dixo Prado, é defender os dereitos do persoal da sanidade con contratacións estábeis, rematar coa precariedade e repor todas as prazas eliminadas coa aplicación da taxa de reposición para conseguir unha sanidade pública sen recortes e privatizacións.

Comentarios