O BNG enfoca a nova lexislatura cunha "oposición en positivo"

"Por cada crítica, haberá unha proposta", di Bará
O deputado electo Luís Bará, onte, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado electo Luís Bará, esta segunda feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O BNG prepara a nova lexislatura cunha consigna clara: "Traballar máis e mellor en todos os ámbitos" para defender na Cámara galega "o proxecto de futuro para o país" co que concorreu ás eleccións do 18 de febreiro, xerando "unha extraordinaria corrente de ilusión" que levou máis de 467.000 galegas e galegos a depositar nas urnas a papeleta nacionalista. 

Así o explicou esta segunda feira o deputado electo por Pontevedra Luís Bará, que avanzou que o BNG fará unha "oposición en positivo", de maneira que "por cada crítica haberá unha proposta" para trasladar ao Pazo do Hórreo a "enorme confianza depositada no BNG".

A formación nacionalista comeza a nova etapa no Parlamento "moi reforzada" e consolidándose como alternativa de Goberno ao PP "neste novo mapa político que ten evolucionado cara a unha sorte de bipartidismo". 

Experiencia e renovación

Segundo explicou Bará, a ampliación do grupo parlamentario, que pasa de 19 a 25 deputadas e deputados, xunto á combinación de "experiencia e renovación", permitirá ao BNG facer un mellor labor de control ao Goberno e, ao mesmo tempo, facer un traballo "propositivo e construtivo" arredor da "Galiza que vén", co reto de dar resposta a ese "inxente caudal de esperanza depositado no BNG".

Con ese obxectivo, o BNG seguirá primando no seu traballo parlamentario a defensa dos servizos públicos, como a sanidade, a educación ou todo o que ten a ver cos coidados. Xunto a esta, outra panca sobre a que se asentará o labor parlamentario será o desenvolvemento económico da Galiza e a creación de emprego de calidade, o desenvolvemento dos sectores produtivos, o impulso da industria ou a transformación tecnolóxica. Todo fronte a un PP "cada vez máis ultra", dixo Bará.

Comentarios