O BNG comeza a preparación das municipais co obxectivo de "construír outra Galiza"

A finais deste mes decorrerá en Compostela un cumio de cargos municipais para artellar a estratexia cara aos comicios de 2023.
Carme da Silva, responsábel de política municipal do Bloque. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme da Silva, responsábel de política municipal do Bloque, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O BNG iniciará a preparación das eleccións locais coa convocatoria dun cumio de cargos municipais que terá lugar a finais do presente mes en Compostela.

Este encontro contará coa participación de alcaldesas, alcaldes e concelleiros para mobilizar a organización cara ás eleccións e trazar as liñas de estratexia durante os comicios, xa que, en palabras da responsábel de política municipal da Executiva nacional, Carme da Silva, o Bloque é "a referencia do cambio real".

Durante o cumio abordarase a preparación da estratexia electoral no contexto de crise após a pandemia e a actual suba de prezos. Neste senso, analizarase a actualización das propostas programáticas no actual contexto de crise.

Construír "outra Galiza posíbel"

Por outra parte, Da Silva explicou que o obxectivo do BNG é "avanzar" en todo o país, "tendo como carta de presentación o aval dos municipios nacionalistas".

Aliás, a integrante do Goberno local de Pontevedra afirmou que os concellos gobernados pola súa formación levan anos "demostrando que hai un proxecto ilusionante e transformador".

"Afrontamos estes comicios desde o optimismo e co reto de aumentar a representación en todos os municipios", apuntou.

Por último, Carme da Silva veu estes comicios como unha oportunidade para comezar "un tempo novo e superar as políticas do PP", ao tempo que asegurou que desde o BNG seguirán co seu traballo para "construír esoutra Galiza posíbel", unha Galiza "en grande".

Comentarios