O BNG denuncia que uns 150 militantes nacionalistas son "vítimas da represión do PP"

Xavier Vence critica a criminalización da protesta e lembra que son decenas as persoas que foron acusadas por participar en actos reivindicativos como contra os desafiuzamentos ou o calote das preferentes.

bng-crop
photo_camera Vence

“Represión sistemática”. Así define o voceiro nacional do BNG a actitude dos gobernos contra a disidencia política, que segundo puido saber Sermos Galiza, alcanza a 150 militantes nacionalistas, que están sometidos a procesos xudiciais por participaren en manifestacións ou actos de protesta pacíficos en todos os casos. 

“Centos de persoas por toda Galiza padecen a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais”, subliñou Vence en rolda de prensa na que estivo acompañado por dirixenets do Bloque e tamén diferentes persoas que son “testemuña do acoso e das sancións sufridas pola súa protesta democrática na rúa”.

O Bloque acusa ao PP de ter unha "estratexia represiva sistemática e insidiosa"

“A loita contra os desafiuzamentos, contra a estafa das preferentes, a defensa do dereito ao aborto, a denuncia de recortes nos servizos públicos, a denuncia contra a emigración xuvenil por falta de oportunidades, ou a denuncia por portar simboloxía galega en eventos deportivos como a volta ciclista, son algúns dos casos obxecto de persecución e represión policial a instancias da Delegación do Goberno”, criticou a forza nacionalista, que segundo Vence, reflicte unha “represión insidiosa” pola vía xudicial e administrativa que se plasma nun volume inmenso de multas arbitrarias nos últimos tempos”. “Ademais dun estado policial se recorre á extorsión económica con multas que financian ese propio estado represivo, estigmatizando actos que expresión de liberdade da cidadanía básicos nunha democracia”, engadiu o líder do Bloque.

Lei

Vence tamén advertiu que o proxecto de Lei de Seguridade Cidadá “agravará esta situación, con cambios profundamente regresivos que reducen garantías xudiciais e abren a porta á “arbitrariedade e indefensión dos informes de parte que elaboren as forzas de seguridade, e mesmo se recolle a creación dun rexistro central de infractores”.

Comentarios