4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os impostos en Madrid

O Instituto Galgo de Estatística (IGE) vén de certificar que 249.825 persoas físicas e xurídicas desenvolven a súa actividade empresarial na Galiza, porén 4.165 teñen a súa sede fiscal en Madrid, onde pagan os seus principais impostos. Entre estas últimas, atópanse algunhas das grandes compañías galegas.

Factoría de Ence na ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Ence paga impostos pola súa fábrica de Pontevedra en Madrid. (Foto: Nós Diario)

Un total de 4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. Segundo as cifras que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativas a 2020, último ano con datos, 3.483 desenvolven a súa actividade nos servizos; 357 na industria extractiva e na enerxía, dedicándose 339 á xeración eléctrica; 262 na industria manufactureira; 289 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil; 208 na hostalaría e 170 no sector das finanzas e seguros.

O número de empresas galegas con sede fiscal en Madrid incrementouse de modo considerábel no último exercicio. Mentres en 2020 foron 4.165 as persoas físicas e xurídicas galegas con enderezo a efectos tributarios na capital do Estado, esta cantidade era de 3.893 en 2019. Nesa anualidade un total de 3.323 destas sociedades realizaron a súa actividade nos servizos, 357 na industria extractiva e na enerxía, 266 na construción e 37 na agricultura e na pesca. En só un ano abandonaron o país con destino a Madrid 272 compañías.

As compañías galegas que fixan a súa sede en Madrid adoitan ser aquelas cunha maior facturación e número de traballadores. A este respecto, o informe Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal, elaborado polo grupo de investigación dos profesores Francisco Pérez e Ernest Reig para o Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), recolle que teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e  60% das 100 primeiras. Pola contra, só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

O sector enerxético é un dos máis importantes da economía galega. As tres primeiras compañías en produción de electricidade no país son Iberdrola, cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts de orixe hidráulica e de 599,5 de carácter eólico; Naturgy, cunha potencia instalada de 1.120 megawatts hidráulicos e de 393,2 megawatts eólicos, e Endesa, con 375 megawatts hidráulicos e 262 eólicos. As referidas empresas, en cuxo capital xogan un papel decisivo os fondos de investimento e as empresas públicas de Estados como Catar, Italia ou Alxeria, teñen a súa sede fiscal en Madrid, onde tributan polo imposto de sociedades.

A situación repítese no sector industrial. Así, por exemplo, Alcoa, con factoría en San Cibrao (Cervo), pagou os impostos en Madrid, malia representar o complexo alumineiro 30% de Produto Interior Bruto (PIB) das comarcas de Lugo e ocupar de maneira directa 1.500 persoas. Outro tanto acontece en Pontevedra coa pasteira de Ence, na Costa da Morte co grupo Xeal, cun cadro de persoal de máis de 500 traballadores, na Laracha coa siderúrxica de Celsa ou en Fene co estaleiro de Izar.

O proceso de concentración do enderezo fiscal das grandes empresas en Madrid  está asociado ao efecto sede. Nesta liña, o IVIE sinala “o efecto externo negativo sobre outras comunidades da competencia fiscal de Madrid reforza a tendencia á diverxencia rexional e xustificaría limitar as competencias, sobre todo por basearse nun aproveitamento das vantaxes derivadas dunha interpretación da capitalidade que non é territorialmente neutral”.

O efecto sede

As empresas con sede en Madrid son as grandes beneficiadas nos contratos públicos polo Goberno do Estado. Nesa orientación, o IVIE denuncia que o efecto sede “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas nun territorio que conta cun nivel de renda por habitante moi por riba da media, ao celebrar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial”.

Un caso paradigmático é o da obra civil, sendo as empresas madrileñas ACS, propiedade de Florentino Pérez, Acciona, ligada á familia Entrecanales, e FCC, cuxo primeiro accionista é Carlos Slim, as construtoras máis favorecidas polas adxudicacións estatais entre 2005 e 2014.

Madrid aprovéitase do Estado español

Unha sondaxe de Electomanía do mes de febreiro concluía que 86,8% da poboación galega consideraba que Madrid se beneficiaba da súa condición de capital do Estado. Neste caso, os datos van na mesma dirección, como certifican estas 4.165 empresas que tributan nesa rexión.

Comentarios