Galiza exportou 32,1% da electricidade xerada no primeiro cuadrimestre de 2022

Rede Eléctrica Española vén de facer públicos os datos de xeración eléctrica e consumos no primeiro cuadrimestre de 2022, que certifican que a Galiza segue a ser grande exportadora da electricidade e que a produción de orixe renovábel supera as necesidades de consumo do conxunto do país.

Encoro dos Peares, entre Carballedo e Pantón (Foto: Nós Diario).
photo_camera Encoro dos Peares, entre Carballedo e Pantón (Foto: Nós Diario).

A xeración eléctrica situouse entre xaneiro e abril deste ano en 7.234.094 megawatts, o que representou unha caída da produción total de 31% en relación co mesmo período de 2021. A electricidade de orixe non renovábel sumou 2.272.362 megawatts, isto é 31,4%, rexistrando un incremento de 19,2% aquela producida polo carbón. Este novo escenario, é resultado da decisión do Goberno do Estado de volver activar a produción de electricidade na central térmica das Pontes, co obxectivo de facer fronte ás necesidades de subministro e aliviar o prezo da luz.

A Galiza xerou 4.961.732 megawatts de orixe renovábel no primeiro cuadrimestre de 2022. As electricidades limpas representaron 69,6% da produción total, destacando 3.114.999 megawatts achegados pola eólica e 1.601.096 de carácter hidráulico. Neste sentido, destaca a forte caída da produción por estas tecnoloxías, 43% menos que no mesmo período do ano pasado, significándose o baixón da electricidade de orixe hidráulica, como consecuencia dunhas condicións climatolóxicas marcadas por unha importante seca e pola ausencia de choivas.

A produción eléctrica de orixe renovábel superou as necesidades de consumo da Galiza. Mentres a xeración mediante tecnoloxías limpas se situou en 4.961.732 megawatts entre xaneiro e abril de 2022, o consumo eléctrico de persoas e empresas alcanzou 4.908.135 megawatts. Así, continuouse coa tendencia comezada en 2020 e 2021, cando a electricidade de fontes renovábeis superou as necesidades de consumo interno, en 26% e 15,6%, respectivamente.

Caída do consumo

Os datos de Rede Eléctrica tamén amosan que o consumo caeu na Galiza, no primeiro cuadrimestre, un 20%. A isto contribuíu a parada das cubas na factoría de aluminio da multinacional Alcoa en Cervo, o primeiro consumidor eléctrico do país e do Estado cuxas necesidades eléctricas representan, aproximadamente, 23% da produción total galega. Asemade, o funcionamento irregular doutras compañías electrointensivas, que cesaron a súa actividade nalgún momento do ano pola alza do prezo da luz, agudizou esta tendencia.

Así, a Galiza consumiu 67,84% da electricidade producida no primeiro cuadrimestre do ano. Nese período exportou cara a outros territorios do Estado 32,16% da electricidade xerada, unha cantidade 10 puntos inferior á do conxunto de 2021, mais na liña dos últimos exercicios. No primeiro semestre de 2021, exportou 35%, no mesmo período de 2020, 31,8%, en 2019, 25% e en 2018, 35%. Madrid é o principal beneficiario desta situación, favorecéndose a súa cidadanía e empresas dun prezo da electricidade idéntico ao d Galiza, malia non cargar cos custos sociais e ambientais da xeración de enerxía.

A capital do Estado produciu 369.266 megawatts e consumiu 9.407.371 megawatts entre xaneiro e abril de 2022. Neste sentido, só xerou 4,21% da electricidade que consumiu, cubrindo as súas necesidades nesta materia mediante a exportación  de electricidade procedente dos territorios produtores do Estado español, de Portugal e de Francia.

Madrid, deficitaria

O integrante do colectivo Bidán Quico da Silva sinala que “Madrid é deficitaria en enerxía eléctrica nun 95%, mentres que 8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración, ben sexa hidráulica, eólica, biomasa, coxeración ou ciclo combinado, ascendendo a cifra a 9 de cada 10 no caso de ir adiante a totalidade dos proxectos actualmente en tramitación”.

A este respecto, lembra que “no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental”. Naquel momento, a presidenta madrileña Esperanza Aguirre argumentou en sede parlamentaria que “Madrid non está para producir enerxía”.

Madrid consome

Madrid produce 135.766 megawatts de orixe renovábel en 2022 pero é a única comunidade do Estado que non conta con ningunha instalación eólica e non xera electricidade procedente do vento. Ao tempo, a produción mediante tecnoloxías non renovábeis é tamén escasa, alcanzando 260.460 megawatts.

Comentarios