Educación di que retirou 'Igualdade de xénero' pola baixa demanda desta materia

A materia desapareceu este curso como específica.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas, esta terza feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG, Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario)

'Igualdade de Xénero' facía parte como materia optativa do currículo académico galego desde o ano 2016. Mais este curso, 2023-2024, eliminouse a oferta desta materia ao tempo que se  incorporaba aos currículos de ESO e Bacharelato tres novas materias: Cultura Financeira, Intelixencia Artificial para a Sociedade e Tecnoloxías Intelixentes.

A directora xeral de Ordenación Educativa, Judith Fernández, xustificou onte eliminar esta materia en que "non tivo demasiada demanda" e defendeu que, malia desaparecer como materia, a igualdade de xénero "está presente con carácter transversal".

Fernández respondía así a unha interpelación de Mercedes Queixas (BNG) na comisión de Sanidade e Política Social, que lamentou a "renuncia" do Goberno galego a  educar "en valores de igualdade, respecto e tolerancia". A deputada nacionalista reclamou á Xunta da Galiza un "compromiso para  recuperar a materia de igualdade de xénero nas diferentes etapas educativas". Na actualidade, explicou Queixas, os diferentes informes e estatísticas confirman que entre os menores de 18 anos está a medrar “a violencia machista” impulsada por unha visión negacionista e discursos abertamente “antifeministas” que fan máis necesario que nunca “educar en igualdade”. 

Ditame de igualdad

A Comisión aprobou onte o ditame sobre o proxecto de lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes na Galiza, cos sete votos a favor do PP e cinco abstencións (da oposición). Noa Presas (BNG) sinalou que “nun contexto con moitas expectativas, cunha reforma dun marco lexislativo con máis de 20 anos, había oportunidade para avanzar en dereitos, para facer algo novo para un tempo novo". 

Noa Díaz (PSdeG), pola súa parte, dixo que as emendas que se lle aceptaron ao seu grupo  "pouco mudan" mentres que Paula Prado (PP) manifestou que con esta lei, "que blindará o compromiso coa igualdade",  a Galiza "volverá ser pioneira no Estado".

Comentarios