O BNG propón un "pacto galego pola ciencia" cun investimento de 2,5% do PIB neste ámbito

Xornada de traballo con membros da comunidade científica e investigadora.

bng
photo_camera Salustiano Mato, Reitor UVigo 2010-2018, Director Xeral de I+D, 2005-2009 Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, Paula López, Directora Adxunta CITIUS e Luís Otero, Delegado para a Transferencia do coñecemeno USC (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu reivindicar este sábado un "pacto galego pola ciencia" cun incremento até 2,5% do PIB para situarse "na media europea" e "sacar a Galiza do furgón de cola" no que, asegurou, se atopa nestes momentos.

Na súa intervención nunha xornada de traballo organizada pola formación nacionalista con membros da comunidade científica e investigadora, Pontón defendeu que se obtén a confianza dos galegos, o BNG porá en marcha nos 100 primeiros días de mandato este pacto pola ciencia que permita "darlle relevancia a este asunto", porque "o futuro pasa por colocar a Galiza na vangarda". "O goberno do BNG será o goberno da ciencia", manifestou.

Nesta liña, sinalou que para facer ciencia non chega con ter vocación, senón que "se require unha planificación estratéxica" e tamén "recursos". Para Pontón, iso é o que "marca a diferenza de até onde pode chegar un país se aposta pola ciencia".

A líder nacionalista pediu apostar por unha ciencia na que "a precariedade forme parte do pasado" e onde Galiza "sexa un lugar referente, onde os investigadores queiran quedar e haxa capacidade para poder captar talento".

Nesta dirección, continuou, diríxese a proposta que o BNG quere implementar a partir de 2024, "impulsando a I+D+I como un sector estratéxico e como unha panca de desenvolvemento económico e cultural", así como "reter e captar talento".

Así, reiterou que os plans da formación nacionalista pasan por contar cunha plataforma para xerar ciencia como o Innogal, xa que considera que "é un camiño de futuro".

Dixitalización

Outra proposta do pacto é crear o Consorcio Galego de Captación de Competencias Dixitais, onde, segundo detallou, debe estar representada a Xunta, entidades locais ou universidades para "avanzar na dixitalización das empresas".

"Sabemos que a ciencia sen recursos vai ser sempre unha ciencia precaria, por iso un dos alicerces deste pacto galego pola ciencia é que se incrementen os recursos neste ámbito co obxectivo de destinar 2,5% do PIB de aquí até 2030 para situarnos na media europea e sacar a Galiza do furgón de cola no que está nestes momentos", reflexionou.

Na xornada que decorre este sábado os nacionalistas pretenden pór en común aspectos e reflexións sobre "como construír a Galiza da ciencia", que se sitúe "na vangarda no ámbito do coñecemento". "Sabemos que temos potencial para facelo e queremos ser o acelerador desa Galiza que sexa capaz de situarse á vangarda neste ámbito", concluíu.

Por outra arte, a portavoz nacional do BNG censurou que o PPdeG, "unha delegación da rúa Génova", estea "a tentar importar a Galiza a crispación que se instalou na política madrileña" e asegurou que os populares "non están a calibrar ben que está a sementar nestes momentos". "A mecha do odio é moi fácil de acender, pero é moi difícil de apagar", apuntou.

Comentarios