BNG e CIG defenden transformar Correos ‘nun instrumento contra a despoboación rural’

Reclaman ao Goberno estatal apostar pola entidade pública abríndoa a novos ámbitos de actuación e asegurar un servizo público de calidade.

O secretario nacional da CIG Correos, John Vivanco, e o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario nacional da CIG Correos, John Vivanco, e o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O BNG e a CIG propoñen transformar a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos S.S. nun instrumento para reverter a despoboación rural e axudar á cohesión social e territorial. Ambas as organizacións defenden “aproveitar toda a potencialidade da empresa pública, ampliando os servizos para que poida actuar como entidade financeira pública e de seguros e, incluso, como un operador de telefonía público”.

Con isto, reclaman declarar a compañía como empresa de interese social e utilidade pública, dotándoa de “orzamento suficiente” para facer fronte aos retos e servizos que debe cumprir esta sociedade.

Así o deron a coñecer esta quinta feira o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, e o secretario nacional da CIG Correos, John Vivanco, nunha conferencia de prensa en Santiago de Compostela.

Despoboamento rural

A Galiza, recordou o BNG, “está a sufrir un proceso acelerado de perda de servizos no rural, que está a xerar unha situación de alarma e, incluso, provoca graves problemas á veciñanza das aldeas” pola “perda de servizos esenciais”.

“O propio informe do Consello Económico e Social estatal de 2018, así como o documento A estratexia España 2050 inciden na necesidade de fortalecer os servizos públicos”, destacou Néstor Rego, que considerou que “Correos debe ser un instrumento útil para dar resposta a algunhas das necesidades sociais que se presentan na actualidade, especialmente nas zonas rurais”.

A entidade, recordou Rego, ten “unha capilaridade en todo o territorio” e, polo tanto, “dispón de capacidade suficiente” para contribuír a esa maior vertebración e cohesión social.

Servizo público

Pola súa parte, John Vivanco, afirmou que é imprescindíbel “reforzar o status xurídico como sociedade pública, en liña coas propostas da Unión Europea de reforzar os servizos públicos, dando a volta á tendencia favorecida até o momento”.

Esta necesidade de fortalecer as estruturas públicas, apoiou John Vivanco, quedou demostrada durante a pandemia da Covid-19, “análise en que coinciden as distintas institucións políticas e de Goberno”.

“Semella evidente que o primeiro paso sexa dar seguranza xurídica e fixar legalmente a natureza da Sociedade. Correos presta un servizo público, declarado esencial durante a pandemia, é necesario asegurar e recoller de forma explícita a consideración como empresa pública da devandita sociedade estatal”, aseverou Vivanco.

Comentarios