As cartas da Galiza son clasificadas en Valladolid: o "desmantelamento" de Correos en Compostela

Néstor Rego rexistra unha batería de iniciativas no Congreso a respecto da "decisión de desmantelar" o servizo na capital galega.
Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Correos en Compostela (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de iniciativas a respecto do servizo de Correos en Compostela, a fin de reclamar o mantemento dos servizos no centro da cidade, logo do anuncio dun posíbel traslado dunha das unidades a Lavacolla.

Aliás, a formación nacionalista pide recuar na "decisión de desmantelar o servizo de clasificación que se prestaba, que fai que agora as cartas da Galiza deban ser levadas a Valladolid para a súa clasificación e traídas de volta".

Estas decisións, apunta Rego, "afectan a calidade do servizo, non son sustentábeis, incrementan innecesariamente os custos e suporán un grave prexuízo" para o país.

"Ademais disto, este traslado suporá un sobrecusto económico, posto que implica incrementar os quilómetros percorridos, sen contar coa posibilidade de repartición desta unidade en sábados, domingos e festivos", insiste o deputado do BNG.

Rego tamén denuncia o "desmantelamento da infraestrutura de clasificación no centro da cidade" e alerta de que esta decisión "influirá na calidade do servizo, causando retrasos e dificultando a efectividade do mesmo, alén de pór en risco o futuro da actividade e os postos de traballo".

Por todo isto, o Bloque insta o Estado a aclarar "se forma parte dunha estratexia conxunta a decisión de desmantelar a máquina de clasificación automatizada FSM do Centro de Tratamento Automatizado e o traslado desta unidade a Lavacolla".

"Non se pode entender que se prefira o desprazamento desta unidade ás aforas, co consecuente incremento de custos", engade Rego.

O BNG reclama que se dean a coñecer os argumentos económicos ou de eficacia e eficiencia administrativa e de xestión do servizo "que xustifiquen a decisión de trasladar a clasificación postal do correo da Galiza até Valladolid, así como a de levar a USE desde o centro da cidade até Lavacolla a pesar dos evidentes incrementos dos custos e o empeoramento das condicións laborais dos traballadores e traballadoras desprazadas".

Comentarios