O BNG chama a frear a nova macrocentral hidroeléctrica de Castrelo de Miño

“Non podemos repetir os erros do século XX con novos prexuízos económicos, ambientais e sociais”

Noa Presas con veciñanza de Castrelo de Miño, este sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Noa Presas con veciñanza de Castrelo de Miño, este sábado. (Foto: Nós Diario)

Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento galego, acompañada de concelleiros e concelleiras da comarca do Ribeiro, avanzou este sábado, 9 de setembro, iniciativas sociais e institucionais para evitar a construción dunha macrocentral hidroeléctrica de 260 MW en Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle, entre as comarcas do Ribeiro e a de Terra de Celanova. A macrocentral atópase en fase de consultas previas para a súa tramitación no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

A deputada e voceira de enerxía afirmou este sábado que o BNG “chama a frear este macroproxecto porque é contrario aos intereses económicos, sociais e medioambientais da comarca e do país para lucrar as grandes eléctricas mentres O Ribeiro e Terra de Celanova esmorecen económica e demograficamente cun modelo colonial polo que non recibimos beneficios directos e se nos rouba capacidade de decisión”.

A nacionalista recordou que “Ourense ten no seu territorio 50% da gran hidráulica, os nosos ríos están hiperexplotados e aínda así iso só serve para lucrar as eléctricas mentres nós temos os peores datos galegos de empobrecemento, avellentamento e emigración”.

O BNG defendeu este sábado “abordar unha descarbonización que sexa planificada e ordenada, con proxectos acordes ás nosas necesidades e avaliados en conxunto, ordenando que tipo de tecnoloxías precisamos e onde temos que situalas”. Nese sentido, a formación nacionalista pedirá á Xunta da Galiza a elaboración dun “mapa de necesidades enerxéticas, e un novo modelo enerxético con participación pública e que se someta a avaliación ambiental estratéxica”.

40,5% da enerxía exportada

Segundo os últimos datos dispoñíbeis, no ano 2022 a Galiza exportou 40,5% da electricidade xerada. Ademais, do total producido, 64,8% foi renovábel, “polo que cumprimos os obxectivos da Unión Europea para 2030 e temos dereito a facer unha planificación ordenada”, afirmou Presas.

A deputada recordou ademais que “renovábel non é inocuo, senón que tamén ten impacto. Neste momento hai oito macrohidráulicas en tramitación en toda a Galiza que suporían duplicar a potencia xa instalada cun enorme impacto ambiental só comparábel ao que supuxo a instalación da hidráulica que xa temos, e que non se está a avaliar de forma conxunta e acumulada, da mesma maneira que está a pasar co boom eólico”.

Por estes motivos, o BNG levará a Concellos, Deputación, Parlamento e Congreso español iniciativas para que o Miteco desbote avanzar neste proxecto.

 

Comentarios