O BNG exixe ao Goberno español denegar a concesión para a instalación da central eléctrica reversíbel no Tambre

"Esta concesión implicaría prolongar por 75 anos máis o actual encoro do Tambre, que funcionaría como depósito inferior do que captar e devolver auga, sen avaliación, nin estudo nin nova concesión", denuncia Néstor Rego.
Néstor Rego reuniuse coa veciñanza afectada polo proxecto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego reuniuse coa veciñanza afectada polo proxecto. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou esta sexta feira ao Goberno estatal que denegue a autorización da concesión para a instalación da presa hidroeléctrica reversíbel no río Tambre, así como da súa infraestrutura de evacuación. En varias iniciativas rexistradas na Cámara baixa, o Bloque reclama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que desestime as solicitudes presentadas por Green Capital Power S.L. e Espiral Renovables S.L. para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no Tambre.

A formación nacionalista lembra que Augas da Galiza abriu o pasado mes de febreiro o trámite de información pública sobre as peticións dunha concesión de augas superficiais para a instalación deste novo proxecto enerxético. Estas peticións, precisou no seu escrito, son dous proxectos: por unha parte, o presentado por Green Capital Power S.L. (339 MW), que propón a instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo no Tambre e que afectaría os concellos de Brión, Negreira, Lousame e Rois; e, por outra, o rexistrado por Espiral Renovables SL (420 MW) para a mesma finalidade, a construción dunha central hidroeléctrica reversible que afectaría só os concellos de Brión e Noia, diferenza que atende basicamente ás liñas de evacuación previstas.

Neste senso, a organización nacionalista, despois de que o seu deputado no Congreso mantivese un encontro coa plataforma veciñal que rexeita o proxecto, rexistra a iniciativa no Congreso e exixe ao MITECO que denegue as autorizacións. O BNG asegura que a nova central necesitaría da construción dun novo encoro, superior ao do actual existente que funcionaría como depósito inferior, que se situaría na parroquia de Cornada, en Brión. Unha zona, apunta Rego, moi próxima a núcleos de poboación e na que se sitúan terreos agrarios e forestais de alto valor produtivo.

"Esta concesión implicaría prolongar por 75 anos máis o actual encoro do Tambre, que funcionaría como depósito inferior do que captar e devolver auga, sen avaliación, nin estudo nin nova concesión", denuncia Rego, que lembra que no encoro Barrié de la Maza hai vixentes tres concesións para usos hidroeléctricos e, con esta nova concesión, alongaríase máis aló do prazo máximo". Iso, sinala, contraviría o directiva marco e a lexislación de augas.

"A execución destes proxectos afondaría claramente no despoboamento e o abandono da zona. A perda, de feito, sería dobre: pola perda de terreos forestais, agrícolas e gandeiros que provocarán unha diminución na produción directa; e, por outra banda, tamén pola perda de acceso a axudas e subvencións que se reciben ligadas á superficie das explotacións", alerta o parlamentario a respecto do impacto socioeconómico.

Do mesmo modo, apunta, "debe repararse tamén no forte impacto sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas". Rego tamén afirma que se deberá valorar a situación de "constante contaminación acústica á que será sometida a poboación da parroquia de Cornanda". "Sería necesario sopesar o grave impacto que esta nova infraestrutura hidráulica terá sobre o medio natural, especies e espazos protexidos", destaca o deputado do BNG.

"A implantación desta presa hidroeléctrica reversíbel suporía efectos enormemente negativos para a zona, a súa veciñanza e o medio ambiente natural, efectos negativos que poden estenderse nun amplo radio xeográfico e temporal", conclúe.

Comentarios