O novo grupo parlamentar do BNG mantivo esta sexta feira a súa primeira reunión de traballo, o primeiro dos contactos para ir preparando a nova lexislatura, que comeza o vindeiro 21 de outubro, e para a cal o nacionalismo ten claro o roteiro a seguir. Del informou Ana Pontón nunha comparecencia perante os medos após a protocolaria foto do novo grupo na Cámara galega. “Temos o reto de liderar unha oposición firme, serie e con ideas”, dixo a portavoz ao tempo que salientaba que contaban cunha boa ferramenta para eses obxectivos: un grupo "renovado", "cohesionado" e no que conviven o sangue novo coa experiencia e a veteranía.
Nesa liña, o BNG quer que os problemas e demandas dos galegos teñan a súa presenza no Parlamento, unha Cámara que os nacionalistas queren situar en primeira liña do debate político deste país, sendo un ágora onde expoñer ideas e ofrecer alternativas. “Acreditamos que o noso proxecto é positivo para este país e para o seu futuro”, sostivo Pontón, e queren evidencialo no traballo parlamentar, que irá do traballo "na rúa".
Primeira iniciativa
Non perdeu o tempo o BNG e esa sexta feira rexistro a súa primeira iniciativa para a nova lexislatura, referida a activar medidas e políticas que favorezan e incentiven o retorno da mocidade galega que tivo que emigrar durante estes anos. Os nacionalistas gostarían que este 'Plan Retorna' estea consignado nos orzamentos para o 2017 e poder así empezar a concretarse. “Temos un gran problema, a emigración xuvenil”, afirmou Ana Pontón.
Os nacionalistas propoñen na iniciativa tres medidas para reverter a situación e sentar as bases para un retorno deses milleiros de mozos. Financiamento de contratos a investigadores retornados, estímulos e xudas para a mocidade no eido laboral, e facilidades no acceso a vivenda e formación, entre outras.
Crise do PSOE
“Estamos perante unha crise sen precedentes que non se pode reducir a unha crise no PSOE”, manifestou a preguntas dos xornalistas sobre a tormenta política que azouta o Partido Socialista. Pontón considera que estamos diatnte da “crise do réxime do 78” e cuns poderes “fácticos” que están a presionar para que se facilite o goberno de Mariano Rajoy. A isto engade un terceiro elemento, como é a “incapacidade” de PSOE e Podemos para atinxir un acordo que evite ese executivo do PP.