O BNG acusa á Xunta de "usar fondos públicos" para "favorecer a empresas privadas" na rede de servizos sociais

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, acusou este domingo á Xunta da Galiza de facer "negocio" coa rede de servizos sociais, tanto na atención ás persoas maiores como no caso das nenos e dos nenos de 0 a 3 anos. O BNG defenderá no Parlamento galego unha iniciativa para reclamar á Xunta que asuma a "xestión pública e directa" das residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega.
A deputada do BNG, Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)
A deputada do BNG, Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, acusou este domingo á Xunta da Galiza de "utilizar fondos públicos" para "favoreces ás empresas privadas" que "fan negocio" coa rede de servizos sociais, tanto na atención ás persoas maiores como no caso das nenos e dos nenos de 0 a 3 anos.

"Son exemplos perfectos de como o Goberno do PP se dedica na Xunta a coller fondos públicos para drenalos a empresas privadas", asegurou Rodil a través dun comunicado.

No caso da atención ás persoas maiores, Rodil destacou que Xunta dedica "nin máis nin menos que 100 millóns de euros cada ano" para "seguir cebando o negocio dun pequeno grupo de empresas", mentres que "só dúas de cada dez" prazas de residencia son públicas na Galiza.

Déficit de residencias

"Hai un déficit tan grande" de residencias públicas, advertiu Rodil, que hai comarcas en que as persoas "esperan case dous anos" para acceder a unha praza, á que "teñen dereito" pola lei de Dependencia.

Olalla Rodil lembrou os datos do propio Executivo galego, que apuntan a que "case 1.500 persoas" esperan por unha praza de residencia "sen recibir outro recurso", e "6.691 persoas" reciben unha axuda para pagar unha praza de residencia na privada por "non poder acceder a unha pública".

Neste sentido, o BNG defendeu o "dereito a unha vellez digna" mediante un modelo de coidados diferente, cunha "rede pública forte" tanto de centros residencias como de día que "garantan os dereitos fundamentais das persoas".

Propostas do BNG

Por este motivo, o BNG defenderá no Parlamento galego unha iniciativa para reclamar á Xunta que asuma a "xestión pública e directa" das residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega en Ferrol, A Coruña e Pontevedra.

Ademais, pedirá que inicie o proceso de "reversión ao público" das residencias de titularidade da Administración galega concesionadas a empresas privadas a medida que se achegue a data de vencemento dos contratos.

Comentarios