A Xunta da Galiza deixou sen executar 1.617 millóns do orzamento do ano 2021

O baixo grao de execución orzamentaria afecta negativamente á actividade económica.

A Xunta da Galiza deixou de executar 11.242 millóns de euros entre 2010 e 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Xunta da Galiza deixou de executar 11.242 millóns de euros entre 2010 e 2021. (Infografía: Nós Diario)

A Xunta da Galiza deixou sen executar 1.617 millóns de euros do orzamento de 2021. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Facenda e da Función Pública do Goberno do Estado para 2021, último exercicio con cifras, as contas públicas aprobadas para ese ano polo Parlamento galego recollían uns créditos iniciais de 13.385 millóns de euros, que unha vez modificados pasaron a sumar con carácter definitivo 14.493 millóns de euros. Ao tempo, as obrigas recoñecidas netas, que representan os importes exixíbeis ao Executivo galego, como contrapartida das obras, servizos ou fornecementos realizados polos provedores dos mesmos, situáronse en 12.876 millóns.

O economista, ex deputado e presidente da comisión de Economía da Cámara galega entre 1997 e 2001, Xosé Díaz, no seu traballo Os orzamentos liquidados galegos 2010-2021, ao que tivo acceso Nós Diario, sinala que “no ano 2021 os gastos financeiros (activos e pasivos) corresponden esencialmente ao reembolso do principal da débeda viva que soporta a Xunta da Galiza por 1.602 millóns de euros, que supoñen 12,5% do total do gasto orzamentario, financeiro e non financeiro (débeda viva, que alcanzou 11.725 millóns de euros, a finais do ano 2021, xa que os activos financeiros teñen unha contía cativa, de 257 millóns de euros) nese mesmo ano”. A este respecto, Díaz explica que “a razón de todo isto haina que atopar nas relacións da Xunta da Galiza coa banca privada”.

As cifras máis baixas de 2010 a 2021

As cifras do nivel de execución dos orzamentos de 2021 son as máis baixas do período de 2010 a 2021. Segundo os números ofrecidos polo Ministerio para o período entre 2010 e 2021, a porcentaxe de execución do gasto total foi de 92%, alcanzando 91,8% no caso dos gastos non financeiros e 96,1% no caso dos gastos financeiros.Nesta perspectiva, Díaz apunta que “no período de 12 anos referidos, a Xunta deixou de executar 11.242 millóns de euros no caso dos gastos totais, dos que 10.459 millóns de euros corresponden aos gastos non financeiros e 783 millóns de euros aos gastos financeiros”.

O orzamento galego de 2010 recolleu partidas por 10.831 millóns, mais o Goberno deixou sen investir 1.450. A anualidade seguinte rexistrou uns resultados moi semellantes, con 1.375 millóns de euros sen executar para un presuposto de 9.658 millóns de euros. Así, en 2012, ficaron sen investir 1.201 millóns de euros para unhas contas de 9.806 millóns de euros e en 2013 890 millóns de euros para uns ingresos de 9.428 millóns de euros.

Após dous exercicios onde o nivel de execución presentou uns mellores resultados, a situación volveu empeorar a partir en 2017, ficando sen investir en 2020, último ano con cifras, 773 millóns de euros para un orzamento total de 11.813 millóns de euros.

Unha porcentaxe moi importante das partidas sen executar corresponden ao denominado gasto de capital, aquel que recolle os investimentos reais e as transferencias de capital. Neste sentido, o nivel de execución para o período entre 2010 e 2021 foi de 77,7% para os investimentos reais, 60% para as transferencias de capital e 69,1% para os gastos de capital. Díaz indica que “isto ponnos de relevo como este tipo de actuacións que están directamente relacionadas co desenvolvemento económico e social padecen unha xestión orzamentaria moi inferior ao que vimos no caso do gasto total".

As consecuencias da baixa execución

O baixo grao de execución orzamentaria provoca un impacto negativo no conxunto da actividade económica. Nesta dirección, Díaz, citando os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), apunta que “a perda de impulso na actividade económica galega, como consecuencia da ineficiente xestión orzamentaria por parte da Xunta da Galiza, alcanzou neste período nada menos que 18.187 millóns de euros (28,8% sobre o Produto Interior Bruto a prezos correntes do ano 2021 -fonte INE-, ou 24,7% superior aos orzamentos consolidados para o ano 2023), dos que 17.291 millóns de euros hainos que imputar á xestión concreta dos gastos non financeiros e 896 millóns de euros á dos gastos financeiros”.

Comentarios