A Audiencia da Coruña xulgará José Luis Fondo, ex alcalde de Ponteceso polo PP

A Fiscalía solicita para o ex alcalde catro anos e seis meses de prisión.
O ex alcalde popular de Ponteceso, José Luis Fondo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O ex alcalde popular de Ponteceso, José Luis Fondo (Foto: Xunta da Galiza).

A sección primeira da Audiencia da Coruña xulgará os días 23 e 24 de outubro o que foi alcalde de Ponteceso (comarca de Bergantiños) do PP entre maio de 1993 e maio de 2015, José Luis Fondo, por presunta prevaricación administrativa e fraude a ente público.

A Fiscalía sostén que durante o seu mandato, en particular, entre os anos 2012 e 2015, o citado Concello "víase obrigado de maneira permanente a axustar a súa dotación orzamentaria tendo en conta que, aínda cando algún exercicio lanzaba resultado positivo, era frecuente xerar numerosas obrigacións".

"Co consecuente prexuízo que iso orixinaba para as arcas municipais ao carecer de crédito adecuado, dispoñíbel e en contía suficiente", salienta a acusación.

Ademais, engade que, a pesar diso, o acusado, "plenamente coñecedor da situación financeira", ditou providencias en 2014 e 2015 "nas que declarou, a propósito da súa ilegalidade e coñecedor dos reparos realizados polos órganos de xestión da Corporación Municipal, a realización pola empresa Construcións ES S.L de prestacións e obras nas que se incumpría a normativa de contratación".

A Fiscalía solicita para o ex alcalde catro anos e seis meses de prisión, e para o outro acusado, responsábel da empresa, como cooperador necesario, a mesma pena.

Moción de censura en 1993

José Luis Fondo foi candidato do PP en Ponteceso nas municipais de 1991, situándose como a segunda forza máis votada tras o PSdeG. Porén, obtivo a Alcaldía en maio de 1993 mediante unha moción de censura que contou co apoio dos concelleiros do Partido Socialista Galego-Esquerda Galega (PSG-EG), para despois alcanzar a maioría absoluta en 1995.

En 2015 perdeu a maioría e cedeulle a Alcaldía ao socialista Xosé Lois García Carballido, que formou goberno co BNG e con Espazo Común. Nas municipais de 2019 volveu encabezar a candidatura popular e foi derrotado polo PSdeG, que logrou a maioría absoluta, ante o cal non recolleu a acta e se retirou da primeira liña política.

Comentarios