O Bloque pregunta ao goberno polos abortos sen asistencia na Coruña

A deputada, Carme Adán, pregunta á Consellaría de Sanidade. 

Carme Adán
photo_camera Carme Adán [Imaxe BNG]

Carme Adán, voceira parlamentar de Igualdade no Parlamento presentou unha batería de preguntas dirixidas á Consellaría de Sanidade para que explique o grao de coñecemento que ten a respeito dos abortos sen asistencia sanitaria que están a desenvolverse no Materno da Coruña, mais que, como deu a coñecer Sermos Galiza, tamén teñen lugar na área de Ferrol

Adán rexistrou unha interpelación e unha pregunta en Pleno sobre a situación que atinxe mulleres a partir da 14ª semana de xestación cuxa gravidez se ve interrompida de maneira espontánea ou que teñen que interrompero o seu embarazo por prexuízos para a nai ou malformacións fetais. 

Adán preguntará á Consellaría polo grao de coñecemento que ten a respeito da práctica de abortos na Coruña a partir da 14ª semana de xestación

Sermos Galiza deu a coñecer a realidade do Materno e tamén do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol a partir da denuncia da Plataforma para a defensa do dereito ao aborto da Coruña que recolleu as reivindicacións formuladas con anterioridade polo persoal do Centro de Orientación Familiar (COF). 

Mulleres que se viron obrigadas a parir fetos mortos soas, sen atención profesional e sen anestesia en habitacións de ingreso non habilitadas para estes casos, como narra Sabela, cuxo embarazo se viu interrompido na 16ª semana de xestación. "É inhumano", explicou en conversa con Sermos Galiza. 

Comentarios