Besteiro ve "previsíbel" a xudialización da fábrica de Altri mais pide pór o foco "na súa viabilidade económica"

O BNG espera que se free o que considera "unha bomba ambiental".
O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios no Parlamento galego (Foto: Europa Press).
photo_camera O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios no Parlamento galego (Foto: Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ve "previsíbel" e recoñece que é "unha evidencia" que a planta que Altri quere instalar no municipio de Palas de Rei (A Ulloa) acabe xudicializada, mais pide pór o foco "na súa viabilidade económica".

A preguntas dos medios nunha rolda de prensa esta segunda feira no Parlamento da Galiza sobre as palabras do presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, nas que asume que o proxecto da multinacional lusa é "susceptíbel" de acabar xudicializado, Besteiro considerou que é "unha evidencia".

"Se hai 26.000 alegacións, é previsíbel que se xudicialice administrativamente esta cuestión. Creo que se pon nunha posición de futuro previsíbel, mais non desviemos a óptica sobre esa cuestión e centrémonos na súa viabilidade económica", insistiu.

Así, o líder do PSdeG defendeu que os socialistas galegos foron "os únicos" que expuxeron "un estudo en profundidade" sobre este proxecto. Nesta liña, lembrou que até o primeiro trimestre de 2025 non se coñecerán "os informes no ámbito ambiental", polo que, na súa opinión, até esa data, hai que explicar outras cuestións coma "se se van pór fondos da Xunta [da Galiza] no proxecto".

"Máis aló de que dependen de que os condicionantes ambientais se superen ou non; mais antes teremos que saber que a Xunta ten unha proposta de financiamiento ou de cofinanciamento", aseverou. Tamén reprochou que o Goberno galego siga "sen contestar" a "que opina sobre o proxecto inicial" e sobre "a perda de ofertas de emprego". "Non sabemos a que débese ese cambio", insistiu antes de reiterar as súas dúbidas sobre a viabilidade económica da iniciativa.

"Por que se condiciona a axudas públicas? Se a Xunta non cofinancia este proxecto, o proxecto segue sendo viábel? Fecha ciclos económicos na zona? Sobre esas cuestións hai que manifestarse, non é só dicir si ou non", argumentou.

En todo caso, asegurou que a formación socialista seguirá "insistindo" na cuestión do financiamento e do feche de ciclos produtivos, "máis aló de que parece que temos que esperar ao primeiro trimestre de 2025 a que se coñezan os informes ambientais que fagan os técnicos da Xunta e doutras Administracións".

BNG: "É unha auténtica bomba ambiental"

Tamén preguntada en relación a este tema, a deputada do BNG na Cámara galega, Olalla Rodil, sinalou que o BNG ve "con enorme preocupación" o que, na súa opinión, "está a facer o PP": "Pór os recursos naturais ao servizo dunha empresa que é unha auténtica bomba ambiental".

Neste sentido, expuxo que "até o ámbito xudicial xa recoñece que tal e como está deseñado, ese proxecto acabará xudicializado". Neste contexto, insistiu en que debe primar "o interese xeral dos galegos" e en que, tal e como "está a reclamar unha maioría social", o PP "free ese disparate e non autorice a instalación desa macrocelulosa na Ulloa".

Comentarios