Besteiro sobre Santos Cerdán: "Ningún partido está exento de que nas súas filas aparezan casos de corrupción"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro defendeu a reacción "rápida e decidida" de Pedro Sánchez, cargou contra a "opacidade" de Rueda no caso Vilares.
O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, pronunciouse este domingo sobre a presunta implicación no 'caso Koldo' do xa ex secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. Ao respecto, afirmou que "lamentabelmente ningún partido e ningunha organización está exenta de que nas súas filas aparezan casos de corrupción".
Neste contexto, Besteiro puxo o foco na diferenza entre formacións políticas, que radica na "capacidade de reacción e a determinación coa que se toman decisións". Así, defendeu a "rápida reacción" do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, no caso de Cerdán, "pedindo perdón á cidadanía en xeral e á militancia".
Nunha entrevista na Radio Galega, o líder da formación socialista amosouse convencido da capacidade do Goberno estatal para rematar a lexislatura co horizonte no ano 2027. Neste sentido, criticou un PP "debilitado" e cunha forma de facer política "nada positiva".
Con todo, aproveitou para lembrar que "hai unha maioría parlamentaria que apoia a acción do Goberno" e defendeu os "logros" do Executivo estatal. En concreto, referiuse ás "cifras récord" de emprego e de persoas cotizantes á Seguridade Social. "Somos a primeira economía da Unión Europea, unha das primeiras do mundo e, en definitiva, estamos avanzando, progresando e ademais redistribuíndo", asegurou.
Denuncia unha "operación para protexer Vilares"
Cuestionado polo caso de Alfonso Vilares —xa ex conselleiro do Mar— e a denuncia interposta contra el por unha agresión sexual, Besteiro subliñou que o seu partido "non discute a presunción de inocencia que ampara Vilares", pero tamén insistiu en que "Alfonso Rueda ocultou durante cinco meses unha denuncia por agresión sexual contra un conselleiro e amigo".
"Artellaron unha operación para protexer o denunciado, o presunto agresor, e para pór o foco mediático e político na vítima. O contraste creo que é brutal, en comparación co que efectivamente se debería ter feito", esgrimiu.
A continuación, afeou a "ausencia absoluta de empatía e de apoio para a muller que se atreveu a denunciar" e volveu dirixirse ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para exixirlle explicacións sobre "por que ocultou a denuncia e por que se filtrou a identidade da denunciante, un feito que podería ser constitutivo de delito".
"Galiza está quedando atrás"
Noutra orde de asuntos, Besteiro aproveitou a entrevista para pór enriba da mesa que "Galiza está quedando atrás". Neste sentido, detallou que "está a perder investimentos, recursos e oportunidades" para facer fronte a problemas "gravísimos" como "a falta de vivenda pública, as listas de espera sanitaria, as persoas que morren esperando a dependencia ou a parálise do tecido industrial".
"Rueda é un presidente que está ausente, ten as competencias para actuar en todos eses ámbitos pero mira para outro lado e bota balóns fóra. Galiza está quedando atrás porque Rueda non actúa como un presidente senón como un monicreque nas mans de Feixoo, e esa obediencia cega está a custarnos caro", sinalou.
Consultado sobre a posición socialista respecto ao proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) e o de Ence nas Pontes (O Eume), Besteiro destacou que as diferenzas entre ambos os dous proxectos son "absolutamente radicais".
"O proxecto de Ence nas Pontes non consome nin un só gramo de madeira e, polo tanto, nin un só gramo de eucalipto. Trátase dun proxecto que si é de economía circular ao 100 %, fronte ao proxecto de Altri, que a día de hoxe ninguén discute que é un proxecto dunha macrocelulosa situada no centro da Galiza", indicou.
Por iso, insistiu en que para os socialistas galegos, o proxecto de Altri "non é defendíbel nin interesante na liña do modelo industrial que desexan para Galiza".
"Recuperaremos ese gran Santiago"
Por outro lado, Besteiro tamén se referiu á supresión de horarios de trens na Gudiña (comarca de Viana) e amosouse convencido de que pode haber unha solución para que poidan seguir parando alí os trens.
Ademais, aproveitou para destacar a "investigación socialista" nesta materia para "reparar o atraso e o freazo que houbo no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias en Galicia durante o mandato de Mariano Raxoi". Lembrou tamén que a intención dos socialistas é pór pronto en funcionamento a liña de proximidade.
Consultado tamén sobre as próximas eleccións municipais na Galiza, o socialista reivindicou que será o PSdeG quen "recupere ese gran Santiago, esa gran Compostela”. Un Santiago de Compostela que, segundo asegurou, "traballa un pouco a ralentí", polo que sinalou a intención de "recuperar o seu papel protagonista como capital de Galiza".



