Besteiro pon a "parálise" do porto seco de Monforte como exemplo dunha Xunta "sen plan industrial" para a Galiza

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza comprometeuse a reactivar esta infraestrutura que é “decisiva para o crecemento económico e o tráfico de mercadorías”

bESTEIRO EN MONFORTE pORTO sECO
photo_camera Gómez Besteiro na mañá desta segunda feira en Monforte (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse onte en Monforte de Lemos a que cando estea á fronte do Goberno galego desbloqueará o Porto Seco e converterao en nodo loxístico de referencia na Galiza. Fíxoo nunha visita ao parcelario e os accesos desta infraestrutura, xunto ao Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o equipo de Goberno municipal.

Besteiro subliñou que o PP  ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende hai 10 anos. “Núñez Feixoo fixo unha inauguración ficticia no ano 2014 e dende entón a Xunta inclúe partidas ridículas nos Orzamentos, que nunca executa”.

Besteiro asegurou que cos socialistas no Goberno “este Porto Seco pasará de estar como agora, seco, seco, seco, a ser o exemplo da dinamización industrial, empresarial e ferroviaria a Galiza”. Besteiro sinalou que activará unha infraestrutura que “é decisiva para o crecemento económico e o tráfico de mercadorías da provincia de Lugo e do conxunto da Galiza”.

“O Porto Seco debe ser un polo de atracción e impulso económico e industrial para a Galicia interior e favorecer así a cohesión territorial”. Rematar e poñer en marcha esta dotación “non é unha opción, é unha obriga para mellorar a competitividade dos portos galegos e poder chegar con máis axilidade aos mercados mundiais de primeiro nivel”, afirmou, ao tempo que explicou que a situación estratéxica de Monforte e a súa saída ferroviaria, coa promoción tamén da intermodalidade, fai desta plataforma loxística a ideal para configurar convois cara ao centro de Europa e vai a situar a Monforte como “un nodo do transporte por mercancías, dentro da aposta polo Corredor Atlántico e a entrada dos fluxos de mercancías dende os portos costeiros galegos”.

O candidato incidiu en que “co bloqueo do Porto Seco, Rueda está freando o auxe de Monforte como polo de desenvolvemento económico e industrial”. De feito, asegurou, “se Monforte e a comarca volven a medrar é grazas á aposta decidida do Alcalde, e tamén da Deputación e do Goberno do Estado”, explicou Gómez Besteiro.

“Coma sempre, falta a Xunta. Cando dicimos que Galiza medra menos que o resto do Estado e que estamos perdendo oportunidades, dicímolo polo parón do Partido Popular a proxectos como o Porto Seco de Monforte. Rueda non ten ningún plan económico e industrial para a Galiza. Está lastrando a economía dos galegos e galegas”, remarcou Besteiro.

O Porto Seco de Monforte é unha plataforma loxística para a distribución de mercadorías de 146.000 metros cadrados situada ao noroeste de Monforte, xunto á liña ferroviaria entre León e A Coruña.

Comentarios