18-F

Besteiro creará vivenda pública suficiente para que "ninguna moza destine máis do 30% do salario" a pagar a casa

O socialista estrea o programa 'Besteiro Directo' desde un piso con estudantes e presenta medidas en vivenda, transporte e saúde mental

Besteiro (no centro), durante a grabación do primeiro episodio do programa 'Besteiro Directo'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro (no centro), durante a grabación do primeiro episodio do programa 'Besteiro Directo'. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse esta terza feira a impulsar un parque de vivenda pública os suficientemente amplo para que "ningunha moza teña que destinar máis do 30% do salario a pagar a casa". O candidato socialista asinou o programa das Xuventudes Socialistas co que busca "recuperar o futuro que o PP roubou á xente moza do noso país".

Besteiro realizou a primeira edición do programa 'Besteiro Directo' cunha charla informal a través das súas redes sociais, nun piso de estudantes de Compostela, situado no Ensanche da capital. Este emprazamento, onde compartiu sofá con varios estudantes (detrás podíanse ver a bandeira LGTBI e a da república española), serviu para denunciar as dificultades da xente moza para acceder a unha vivenda en condicións dignas.

O candidato estivo acompañado de representantes das Xuventudes Socialistas da Galiza, en particular, co seu secretario xeral, Xurxo Doval, no que presentaron as medidas promovidas pola devandita organización xuvenil que serán asumidas polos socialistas galegos a maiores do seu programa electoral para as eleccións galegas.

Besteiro apuntou que neste programa recóllense medidas para o que son "os cabalos de batalla" de ambas as organizacións e da mocidade na Galiza, como son solucionar a problemática do acceso á vivenda, do acceso á saúde mental e ás deficiencias do servizo de transporte metropolitano.

"Estas son políticas claras e decididas para darlle un futuro á xeración mellor preparada da nosa historia", afirmou Besteiro, que reiterou que os socialistas son un partido comprometido co progreso e que lles doe ver como se foi para atrás nalgúns ámbitos por culpa da falta de políticas do PP, que o deixan todo á "sorte do mercado".

"Emanciparse antes dos 30, un luxo"

En concreto, o socialista referiuse ao "abandono da política de vivenda", co que, segundo considerou, os populares fixeron que "hoxe en día" sexa "un luxo" poder emanciparse antes dos 30 anos, aínda tendo traballo.

Entre as medidas que recolle este programa no ámbito da vivenda está un Plan de emancipación xuvenil, habilitar un portal de vivenda para a xente nova facilitando información sobre ofertas e os seus dereitos, ou incrementar a oferta a través dun plan de rehabilitación de vivendas baleiras, que nesta comunidade chegan a 30.000.

Tamén se referiu ao dereito á saúde mental e incidiu na necesidade de despatoloxizala e entender que "non pasa nada por ir a terapia". Neste ámbito, propuxeron medidas, a maiores das recollidas no programa do PSdeG, como son a presentación do servizo de atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación ou o impulso dun plan galego de saúde mental, ambas as contado con dotación económica adecuada para o seu correcto funcionamento.

Comentarios