18-F

Besteiro comprométese a igualar o poder adquisitivo das galegas coa media estatal

Besteiro defendeu un goberno galego que actúe como compañeiro do mundo empresarial, que sexa “acompañante activo e dinamizador”, co obxectivo de incrementar o peso relativo do PIB desde 15% a 20% que marca Europa.
María Jesús Montero e José Ram´pn Gómez Besteiro na convención política do PSOE na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Jesús Montero e José Ram´pn Gómez Besteiro na convención política do PSOE na Coruña (Foto: Nós Diario).

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asumiu o compromiso de equiparar o poder adquisitivo dos galegos e das galegas coa media estatal. Besteiro participou, xunto coa vicepresidenta Primeira e ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, no Foro sobre Modernización e Reindustrialización, que decorre dentro da Convención Política que organiza o PSOE na Coruña, e que foi moderado polo europarlamentario galego Nicolás González Casares.

Nas últimas horas coñeceuse que o candidato socialista pasou a formar parte do Comité Federal do Partido Socialista a nivel estatal, máximo órgano de decisión entre congresos.

Besteiro defendeu un goberno galego que actúe como compañeiro do mundo empresarial, que sexa “acompañante activo e dinamizador”, co obxectivo de incrementar o peso relativo do PIB desde 15% a 20% que marca Europa. Para iso, explicou, precisa dunha Xunta que supere a falla de política industrial dos últimos 15 anos de gobernos do PP e “deixe de ser obstáculo e comece a ser compañeira dos investimentos” do tecido económico.

O candidato socialista despregou na súa intervención un modelo propio de crecemento e reindustrialización da Galiza fronte aos “recortes sociais e a inacción do PP”, que lonxe de acompañar e impulsar ao sector económico e industrial, exerceu como “muro” para as posibilidades da Galiza.

Fondos europeos

Besteiro anunciou o compromiso de constituír un organismo de xestión dos fondos europeos na Galiza que garanta recursos, simplificación normativa e axilizar os proxectos comunitarios para “facelos tanxíbeis”. Advertiu que “Galiza necesita que os fondos cheguen á economía real” e que a Xunta deixe de actuar como “atasco”, xa que, asegurou, desaproveitou 5 de cada 10 euros dos fondos comunitarios para fixar poboación a través da nova industrialización.

Garantiu, ademais, un “novo modelo de gobernanza pública baseada na utilización eficiente os recursos públicos” e que permita despregar un novo modelo de desenvolvemento industrial a partir da enerxía verde que sexa respectuoso co medio e que redunde no beneficio das comunidades locais nas cales se implante.

Comentarios