18-F

Besteiro celebra que a Galiza acolla "o futuro" do PSOE

O ex presidente Zapatero visitou A Coruña.
Besteiro e Zapatero, esta sexta feira, na súa chegada á convención socialista que decorre no Palexco. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Besteiro e Zapatero, esta sexta feira, na súa chegada á convención socialista que decorre no Palexco. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou esta sexta feira que o Partido Socialista escollera a Galiza como sede da súa convención política, cita que servirá de "rearme ideolóxico" da formación.

En declaracións difundidas aos medios, Besteiro puxo en valor que a Galiza sexa o lugar no que o PSOE deseñará as políticas do futuro para afrontar retos como a blindaxe dos servizos públicos, as políticas de igualdade, a transición ecolóxica e a reindustrialización

"A Galiza está cos socialistas e coas socialistas no lugar que merece e o Goberno do Estado español escribe con letras maiúsculas o seu compromiso con esta terra", manifestou Besteiro, que dixo que a cita desta fin de semana –en relación á convención política que clausurará este domingo o presidente español, Pedro Sánchez– certifica a "responsabilidade" da formación para "impulsar a modernización e a transformación do Estado, comezando pola Galiza". 

Ademais, o candidato socialista considerou que o evento ten unha "especial importancia simbólica" pero tamén "real" porque suporá "compromisos concretos" para impulsar "un novo Estado e unha nova Galiza, con máis e mellores empregos, que siga avanzando en dereitos e que garanta a convivencia de todos e todas".

Ademais de contar coa presenza do presidente español, tamén confirmaron asistencia o ex presidente do Goberno estatal José Luis Rodríguez Zapatero e a eurodeputada Eider Gardiazábal, que participaron esta sexta nun dos foros.

Comentarios