Besteiro apela a un "rearme ideolóxico" do PSdeG ante un PP que quere unha Galiza "pequena en transparencia e pluralismo"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este sábado un proxecto socialista "orgulloso" e apelou ao partido a "rearmarse" fronte a un PP que quere facer unha Galiza "máis pequena en transparencia, en pluralismo e en dereito á información".
Desta forma inaugurou en Santiago o XV Congreso do PSdeG co obxectivo posto, segundo detallou, en "reafirmar" o seu compromiso social para "representar con firmeza" ao Partido Socialista "que será capaz do cambio na Galiza". Así o destacou no congreso dos socialistas galegos, evento no que tamén interveu o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e secretario de Xustiza do PSOE, Félix Bolaños.
"Benvido Félix a Galiza, unha gran terra que o PP quere facer máis pequena en transparencia, máis pequena en pluralismo, máis pequena en dereito á información e, por tanto, deficitaria nunha democracia plena. Non así en negacionismo, un negacionismo histórico, e o pobo que se esquece da súa historia está condenado a repetila", esgrimiu Besteiro.
Neste sentido, lembrou a recente declaración da Illa de San Simón como Lugar de Memoria "para impedir que o pasado sexa secuestrado e escondido", como mostra do "combate" contra a dereita "desatada e sen complexos" á que os socialistas "enfrontan con acción política e denunciando as súas mentiras".
Neste contexto, o socialista tamén aproveitou para lembrar a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, falecida a semana pasada, e para reivindicar a "forza municipalista" dos socialistas que "pon a política ao servizo da cidadanía".
"Hoxe o Partido Socialista da Galiza preséntase orgulloso, con fortaleza, con ilusión e sobre todo coa vontade decidida de gañar a confianza da cidadanía. Fronte ao PP de Feixoo, de Rueda, ese PP que aposta claramente pola resignación, lanzaremos unha mensaxe de que Galicia connosco non se resigna", aseverou Besteiro durante a súa intervención.
Críticas a Rueda e Feixoo
Ademais, o socialista reclamou "máis Europa, máis Galiza, máis socialismo e máis esquerda que pode", unha esquerda que, segundo destacou, "identifica os problemas da xente e ofrece propostas para solucionalos".
Así, sinalou que, "fronte ao problema da vivenda", os socialistas defenden un Banco Público de Aluguer, e ante a "deterioración" da sanidade, propoñen recuperar un servizo público fortalecido que "garanta" Atención Primaria nun máximo de 48 horas. Tamén apostou por reforzar a protección das persoas vulnerables e maiores "sen antepor o interese empresarial ao benestar".
Besteiro tamén destacou que os galegos "teñen dereito a unha Galiza mellor" e referiuse á "débeda" con aquelas persoas que traballan no mar e en terra no "país anfibio", unha referencia ao escritor Manolo Rivas que, "para Feixoo e Rueda significa pasar do barco á praia privada en Moaña".
Con todo, reivindicou unha Galiza que "reclama protexer o seu territorio de empresas sen control", unha Galiza que cre no "impulso ordenado" das enerxías renováveis para "garantir un desenvolvemento sustentábel", mentres asegurou que para o PP "a única emerxencia climática se chame Altri".
"O cambio comeza aquí"
O líder dos socialistas galegos anunciou que con este congreso empezarán "foros de participación permanente" nos que "canalicen" a voz da veciñanza e dos territorios para "fortalecer" un partido "imparábel".
Deste maneira, reivindicou equipos "preparados para os novos tempos", e anunciou un "impulso" á formación dos cadros do partido que permita "avanzar, avanzar, avanzar e avanzar" cara a un cambio que "empeza aquí".
Así mesmo, aseverou que a historia do Partido Socialista é a de "superar" metas que, nalgún momento, "dixeron que eran imposíbeis". Deste xeito, recoñeceu o labor da alcaldesa da Coruña, Inés Rei, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, pero tamén o presidente provincial da Coruña, Valentín González Formoso, ou as rexedoras socialistas da Costa da Morte, entre outros.
Asistencias e ausencias
Tras a exposición do informe de xestión, a parte do congreso aberta a todo o público arrincou cos asistentes –ao redor de 700 persoas– postos en pé para gardar un minuto de silencio, que concluíu cun sonoro aplauso, en lembranza da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos. Entre os presentes este sábado estaba quen será o seu sucesor na Alcaldía lucense, Miguel Fernández.
Previamente accederon á sala, entre aplausos, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Fegamp, Alberto Varela; así como Gómez Besteiro e o ministro Félix Bolaños, entre outros.
Unha vez proclamado "de forma definitiva" como secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro, único candidato a revalidar o cargo, a maior parte do auditorio púxose en pé para ovacionar ao líder socialista, salvo algunha excepción que proviña de sectores críticos como persoas próximas a Gonzalo Caballero, predecesor na Secretaría Xeral dos Socialistas, quen polo momento non se deixou ver no conclave.
Si se desprazou deste sábado ao Edificio Fontán da Cidade da Cultura o ex alcalde de Santiago e senador Xosé Sánchez Bugallo, un dos asinantes da carta lanzada en apoio aos catro concelleiros de Santiago de Compostela expulsados do Partido Socialista.
Á parte do alcalde de Vigo, fixeron acto de presenza a súa homóloga na Coruña, Inés Rei, e o seu concelleiro da área de Economía, José Manuel Lage Tuñas; os presidentes das deputacións de Lugo, José Tomé, e da Coruña, Valentín González Formoso; e o delegado do Goberno, Pedro Branco, entre outros.
Desde Xuventudes Socialistas trasladáronse mensaxes de defensa da lingua galega, incluída algunha pulla ao BNG –"para que outros non pensen que é só súa", dixeron desde o estrado–; de reivindicación da sanidade pública; de resistencia contra "as mentiras de Altri"; ou de condena do xenocidio en Gaza e a guerra en Ucraína.

