Bugallo rexeita a expulsión do PSOE dos edís de Compostela: "Unha fraude ao propio sistema democrático"

O ex alcalde da capital galega asegura que a decisión de Ferraz é “de moi difícil comprensión”.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: Nós Diario)
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. (Foto: Nós Diario)

O ex alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo rexeitou a expulsión do PSOE do portavoz e de tres concelleiras socialistas da capital galega enfrontados coa dirección local e asegurou que supón "unha fraude ao propio sistema democrático".

"A decisión do PSOE de expulsar Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños é de moi difícil comprensión e aceptación pola cidadanía de Compostela", afirmou o actual senador socialista nunha publicación no seu perfil da rede social 'X'.

Bugallo asegura que os catro son persoas honestas, traballadoras, apreciadas e respectadas polas veciñas e veciños de Santiago pola súa dedicación de anos de servizos á cidadanía e ao propio partido socialista.

"Este feito supón unha enorme frustración para os electores socialistas e, ademais dun enorme fracaso político e un novo motivo de desafección cara aos partidos, é unha fraude ao propio sistema democrático", subliña.

Bugallo avisa de que "dentro de dous anos os cidadáns serán chamados de novo ás urnas, avaliarán o sucedido e moitas outras cousas". "Podería ser o momento de pedir contas, pero xa será demasiado tarde e, sen dúbida, os responsábeis atoparán a quen botarlle a culpa", afirmou.

Comentarios