Bescansa e Echenique desembarcan en Galiza para tentar un acordo con En Marea

A negociación prodúcese 'in extremis'

podemos bescansa echenique

Chega a cabaleiría de Madrid. Carolina Bescansa, número 3 de Podemos, e Pablo Echenique, secretario de Organización do partido, desembarcan esta quinta feira en Galiza para tentar atopar unha solución ao 'sarillo' en que estes días viven os espazos podemita e da maré e que fan real o risco de que concorran por separado ás eleccións do 25S. Bescansa e Echenique estarán presentes na xuntanza que, nunha carreira contra-reloxo, manterán delegacións de Podemos e En Marea para intentar atinxir un acordo que lles permitr concorrer xuntos á cita coas urnas.

A solución, recoñecen todas as partes, non é doada mais ningunha fecha a porta a esa posibilidade de acordo a escasas horas de que chegue unha xornada marcada en vermello no calendario electoral: 12 de agosto Esta sexta feira finaliza o prazo para rexistrar coligazóns aos comicios galegos. Esta, as coligazóns, é a fórmula pola que opta a secretaria xeral de Podemos Galiza e que afirma que apoia a maioría das bases, como amosou na consulta interna. Outro sector, porén, é partidario de confluír en En Marea, unha trincheira na que están os deputados Gómez Reino e Ángeles Rodríguez, así como o ex-senador Buitrón, que encabeza unha lista nas primarias de Podemos.

Tender a man

En Marea ampliou 24 horas o prazo de presentación de candidaturas para as primarias e volveu tander a man a Podemos para se integrar na Marea como o resto das forzas. É dicir, un non á coligazón. Desde Podemos Galiza manteñen que diluírse é a liña vermella que nunca van cruzar. Neste sentido, desde un dos sectores críticos, Xuntos Podemos, mesmo ameazan con marchar do partido de se dar ese escenario. En Marea xa expresou a súa preferencia por ter como interlocutor neste proceso á dirección estatal de Podemos. Unha delegación dela desembarca esta quinta feira en Galiza. 

Comentarios