Beiras deixou varias mensaxes sobre a súa ubicación ideolóxica e as súas opcións estratéxicas. Segundo recolle a axencia Efe, o líder de Anova afirmou que é "independentista", aínda que, engadiu, en política nunca ten exercido como tal. Analogamente, Beiras di ser marxista, embora ter desenvolvido liñas socialdemócratas porque era "o posíbel".
No que ten a ver coa perspectiva estratéxica coa que traballa o líder de Anova, Beiras dixo: "Do que se trata é de cal é a vía mellor para o pobo galego exercer a súa soberanía política, para ter institucións políticas soberanas propias (...) e que iso sexa viábel e conseguíbel".
E engadiu: "Que se pode conseguir un Estado independente, de acordo". Mais puxo en dúbida ese horizonte independentista ao acrecentar: "Que non, que iso [a independencia] non é viábel porque non hai consciencia social suficiente, non temos a potencia de Catalunya, pero podemos conseguir unha articulación federal-confederal no Estado español que preserve a nosa liberdade de decisión e exercer os nosos dereitos, que non nos impoñan un modelo de financiamentno, que o teñamos propio, ter unha facenda propia, claro!".
Ou sexa: Beiras volta a enfatizar en público que Galiza non é Catalunya, que no noso país non existe a mesma consciencia "social" e que, portanto, os obxectivos deben orientarse máis ben cara á consecución dun Estado "federal-confederal", sen precisar moi ben en que consiste esa formulación.
A posición de Beiras é plenamente congruente co que ten defendido no debate habido en Anova á hora de definir a política de alianzas para concorrer ás eleccións europeas. A aposta de Beiras en integrarse na candidatura de Izquierda Unida -face o sector que defendía a entente con forzas nacionalistas e/ou a "esquerda rupturista" estatal- acabou por desequilibrar o referendo entre a militancia por apenas 11 votos.
Recado ao BNG
Beiras tamén aproveitou a entrevista para lle enviar unha mensaxe ao BNG, ao que, sen citalo expresamente, imputou actitudes que abeiran a paranoia. "A paranoia consiste en que cando alguén é incapaz de defrontar o seu inimigo se inventa un para o machucar. O que ocorre é que son incapaces de se enfrentar co inimigo. Cal? O PP, o poder...E, en troca, están a ver quen lles move os marcos das fincas...e despois falan dos paisanos".