“Nós apostamos sempre pola presunción de inocencia”, di o presidente ourensán

Baltar fecha a investigación na que se investigaba o seu xefe de persoal

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, deu por concluída a investigación interna. O feche levouse a cabo esta semana por falta de dados que incriminasen o xefe de persoal e recursos humanos José Luís Suárez, único investigado na Deputación en relacións ás subvencións concedidas á Asociación de Alumnos e Ex alumnos do Centro “San Pablo”.

Feijóo con Baltar (Foto: PPdeG)
photo_camera Baltar, con Feijóo

A investigación comezou a mans do corpo de policía do Estado Español cando detiveron cinco persoas no ano 2015. A causa do operativo foi a presunta falsidade de documentos, contra Facenda, a Seguridade Social e a Administración Pública, ademais de seren acusados de branqueamento de capital e estafa. A suposta trama foi ideada e encabezada polo responsábel da Asociación de Alumnos e Ex alumnos do Centro “San Pablo” (AEXPA) que a día de hoxe se atopa inoperativa.

Este centro recibiu un total de tres subvencións por parte da Deputación de Ourense co importe total duns 34.000€. Asemade, persoas investigadas nesta trama sinalaron que entre a institución provincial e o centro existía un contacto continuo. O obxectivo desta relación era achegarse a certos estudantes aos que se chegou a ofrecer un posto de traballo na Deputación se pagaban a cantidade de 12.000€.

Ás cinco persoas, entre as que se atopa o responsábel da asociación, súmanselle dúas persoas máis na investigación da trama de estafa e branqueamento de capital. Unha delas é o xefe de Persoal e Recursos Humanos da Deputación de Ourense e o actual alcalde do concello de Monterrei polo Partido Popular, José Luís Suárez.

A suposta trama foi ideada e encabezada polo responsábel da Asociación de Alumnos e Ex alumnos do Centro “San Pablo” (AEXPA) que a día de hoxe se atopa inoperativa

A oposición da Deputación de Ourense -encabezada polo Partido Socialista con 8 escanos, seguida de Democracia Ourensana con 2 e o Bloque Nacionalista Galego con 1- pediu abrir unha investigación interna debido á involucración dun membro da institución nesta trama. 

O ente provincial informou, a través dun comunicado o 28 de abril, que abrirían unha investigación sobre o sucedido. O propósito desta investigación era obter toda a información posíbel sobre o acontecido para así poder “avaliar con coñecemento de causa” a relevancia da investigación levada a cabo pola policía. Asemade, tratábase de adoptar unha postura sobre o o suposto fraude en cursos de formación e decidir se houbo unha mala actuación no exercicio das funcións do empregado público José L. Suárez.

Juán Marquina Fuertes, vicesecretario xeral da Deputación de Ourense, foi o sinalado para levar as rendas desta investigación interna. Tras dúas semanas de investigación, a institución liderada por Baltar obtivo información e dados sobre o acontecido. Isto lévaos a negar “calquera tipo de relación co acontecido en relación aos feitos por parte de José Luís”, apuntaba o presidente da Deputación. Polo que continúa afirmando que resulta innecesaria apertura dun expediente disciplinario ao funcionario provincial e alcalde de Monterrei. No mesmo sentido, Baltar alegou: “Nós avogamos sempre pola presunción de inocencia”.

Aliás, Marquina sinala a posibilidade de “manter un contacto coa asesoría xurídica para ver se, como consecuencia das axudas que se deron á asociación acusada, é necesario posicionarse” como acusación no xuízo.

Comentarios