O discurso de Feixoo/Debate do estado da Nación

Balanzo autocompracente e duro alegato contra o independentismo

Núñez Feixoo anuncia menos impostos e menos débeda para 2019 e fai un repaso dos seus anos de xestión próximo ao triunfalismo. O seu discurso abalou entre o xefe da oposición a Pedro Sánchez ou o ariete da “España constitucional” contra os independentistas.

 

Debate do estado da nación. Parlamento de Galiza.
photo_camera Pleno do Parlamento durante o discurso de Feixoo

Algo máis de dúas horas de discurso déronlle a Núñez Feixoo para falar de todo un pouco: do primeiro Parlamento da autonomía e da transición —“modélica”, insistiu en varias ocasións—, de Catalunya e de Castelao, de sanidade e educación, de rebaixas de impostos e redución de débeda, de violencia machista, de lingua galega e lusofonía, de Europa e de España. Como se fose unha lista da compra, repasaba os diferentes capítulos espraiándose nos seus “avanzos” e “progresos” nestes anos. “Galiza non parou nestes 9 anos”, dixo. O presidente é veterano nos debates do estado da Nación: leva 10 como titular do executivo aos que hai que engadir aqueles nos que estivo como xefe da oposición. Por iso sabía que había que chegar a esta sesión cun monllo de anuncios baixo o brazo e cunha promesa estrela, aínda que esta non fose novidade. E non o foi: unha baixada de impostos para as familias. Unha promesa que xa realizou en anteriores debates.

"Galiza non parou en 9 anos"

Vivimos na mellor das Galizas posíbeis, afánase Feixoo por convencernos a todos e todas. Por aí foi boa parte do seu discurso. O país que hai é o posíbel, non hai outro. “A palabra atraso deixou de representarnos”, enfatizou. E o discurso foi construíndose en torno a esa idea dunha Galiza que prospera, que avanza e que, grazas a España e Europa, progresa. Feixoo gabouse de ter unha sanidade e unha educación impecábeis, presumiu de descenso de desemprego, incidiu no aumento de número de persoas dependentes beneficiarias. Enumerou aínda actuacións e proxectos desenvolvidos ou a desenvolver en breve en economía, en medio ambiente, en vivenda, infraestruturas ou ordenación do territorio.

Non sempre as estatísticas se puxeron de lado do presidente: “Queremos reducir o endebedamento do pobo galego”, manifestou, ao tempo que defendía a xestión realizada nestes anos. Porén, en 2018 a débeda pública de Galiza é de 11.545 millóns de euros, que son 7.000 millóns máis que cando chegou ao poder. “Hai 34.000 desempregados menos que en 2009”, dixo. Mais cando el chegou á Xunta, xuño de 2009, en Galiza había 162.200 persoas no paro e agora hai 166.320.

“Galiza está no bo camiño, xusto ao contrario que o goberno de España”

Financiamento e transferencias

Son dous dos temas que nos debates de política xeral noutros territorios do Estado teñen o protagonismo que merecen, polo seu peso e importancia no propio autobogerno. Na boca de Feixoo apenas sumaron uns tres minutos no marco da súa intervención de máis de dúas horas. Unha simple mención á “lóxica transferencia” da AP-9 cubriu o trámite á hora de falar de traspasos. Feixóo semella estar cómodo no seu rol como o presidente das cero transferencias para Galiza.

No que atinxe a financiamento, anunciou que ía pedir a convocatoria da comisión de presidentes das 17 autonomías para debater unha cuestión que agora si cualifica como “prioritaria” para Galiza. Porén, o modelo de financiamento caducou en 2014, hai catro anos e a voz de Feixoo non se escoitou neste período, coincidinte co goberno de Raxoi en Madrid. Ao igual que a AP-9, o presidente quer exercer agora de valedor nuns temas nos que até o de agora —e mentres o PP gobernaba en Madrid— gardaba silencio.

Xefe da oposición

“Galiza está no bo camiño, xusto ao contrario que o goberno de España”. Feixoo deixou claro desde os primeiros compases da súa intervención que un dos seus propósitos ía ser o de atacar o executivo de Pedro Sánchez, “atado por intereses opacos” e sometidos aos “intereses do independentismo”. Feixoo relegaba o seu papel de presidente de Galiza para exercer o de xefe da oposición a Sanchez, no que se sentiu moi cómodo.

Toda rebelión contra a “España constitucional é un ataque ao autogoberno de Galiza”.

“Hai dúas situacións políticas antagónicas: no goberno galego gobérnase e no de España resístese”, atacou, a criticar que as políticas socialistas van traer “máis impostos e máis débeda”, xusto aquilo que o mandatario galego prometeu que en Galiza van reducir as políticas do PP.

Independentismo

O ataque ao independentismo e o nacionalismo non é unha novidade nos discursos de Feixoo nos debates de política xeral destes anos. Nisto, como na promesa de baixar impostos, semella que estamos perante unha ‘marca da casa’ do PPdeG neste tipo de debates. Mais nesta ocasión foi especialmente duro. Acusou a Generalitat de estar en “insurrección permanente” e cargou contra calquera tentación de negociación ou mesmo de afrouxar a tensión do estado sobre Catalunya, a comparar os gobernantes cataláns cos golpistas do 23F. Nesta liña, afirmou que “toda rebelión” contra a “España constitucional” era tamén un “ataque ao autogoberno de Galiza”. De feito, insistiu, a “España democrática e constitucional” é a que “garante os dereitos de Galiza”.

Botou man das Irmandades da Fala (“Galiza, célula da universalidade”) para defender unha Galiza española e contrapoñela a un país “fechado” como, insinuou, queren as e os nacionalistas. Mesmo citou Castelao para dicir, dirixíndose aos escanos do BNG, que “Castelao é seu, Castelao é meu, Castelao é de todos” para, a seguir, situar o eixo do autogoberno galego, novamente, en España.

“Galiza, Galiza, Galiza”, rematou Feixoo o seu discurso, no que se reivindicou como “militante de Galiza”. Intervención na que afirmou unha e outra vez que Galiza era a súa única ambición. “Foron moitas especulacións mais estou aquí, en Galiza, si”.

Comentarios