O PP proclama Feixoo único candidato a liderar o partido

O Comité Organizador do Congreso do PP debate agora suspender a votación directa das persoas afiliadas ao haber un único aspirante. A candidatura de Alexia Herranz, do PP de Gandía, non foi admitida por non presentar os avais suficientes.
Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).

O Comité Organizador do Congreso extraordinario do PP (COC) proclamou esta quinta feira Alberto Núñez Feixoo como candidato único a ese conclave urxente que decorrerá en Sevilla os días 1 e 2 de abril, xa que a outra candidata que se presentara, a gandiense Alexia Herranz, non logrou reunir os avais precisos para concorrer.

O presidente do COC, Esteban González Pons, sinalou que só o presidente da Xunta da Galiza cumpre os requisitos exixidos polo regulamento para presentarse a ese conclave, logo de presentar 55.580 avais. "Don Alberto Núñez Feixoo presentou 55.580 avais á súa candidatura, fixemos a comprobación daqueles que necesitabamos para dar por válida a candidatura e todos os avais cumpren cos requisitos exixidos", manifestou.

González Pons agradeceu a Herranz a súa participación e que "loitase por tentar estar presente nesta competición electoral" para presidir o partido. Con todo, indicou que dos 41 avais presentados por Herranz "só 39 pertencen a afiliados, e deses 39 só 17 están ao corrente do pago das cotas". Fontes do PP sinalaron a Europa Press que aínda que ela afirmou ter presentado 120 —41 en Valencia e o resto noutras sedes do Estado—, o Comité Organizador "non ten constancia" de ningún outro aval en ningún outro sitio.

Feixoo podería ser elixido sen necesidade de eleccións

Unha vez que é oficial que Feixoo será o candidato único, o COC deberá decidir se suspende ou non a votación directa das persoas afiliadas. Os Estatutos do PP permiten esa posibilidade de quitar a urna na que votan os militantes se só hai un aspirante para presidir o partido. Fontes do COC sinalaron que esa será unha decisión que estudarán na reunión que manterán na vindeira segunda feira. González Pons xa asegurou hai uns días que "aplicará escrupulosamente o que ordenen os Estatutos". "Vai ser un COC moi respectuoso coas regras e coas persoas", garantiu, nunha rolda de prensa na sede do partido.

Para poder participar neste proceso congresual, os afiliados teñen que estar rexistrados antes do 16 de marzo. O 21 de marzo é o día elixido para as votacións —nunha urna, vótanse os compromisarios que irán ao congreso e na outra, se así se decide, ao candidato a presidente do partido—.

O requisito para ser compromisario é estar afiliado e ao corrente do pago das cotas e para porse ao día só poderá utilizarse a vía da transferencia bancaria nominativa. Cada afiliado abona cada ano un importe de 20 euros, polo que se alguén non o fixo desde 2018, deberá ingresar un total de 80 euros se quere participar no congreso de Sevilla.

A campaña arrinca esta sexta feira

Alberto Núñez Feixoo principia esta sexta feira a súa campaña, baixo o lema "Preparados", que o levará a percorrer en dez días os 17 territorios do Estado. Durante este tempo, seguirá "por vía telefónica" a actualidade da Xunta, que quedará en mans do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda.

Comentarios