O PSdeG acusa Feixoo de "danar a imaxe da Galiza" co seu pacto con Vox

González Formoso fixo referencia ás declaracións do presidente do PPE sobre o acordo, que cualificou de "capitulación".
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a alcaldesa da Coruña, Inés Rei; a ministra de Transportes, Raquel Sánchez; e o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, na Coruña. (Foto: M. Dylan/Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a alcaldesa da Coruña, Inés Rei; a ministra de Transportes, Raquel Sánchez; e o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, na Coruña. (Foto: M. Dylan/Europa Press)

O secretario xeral do Partido Socialista na Galiza (PSdeG), Valentín González Formoso, acusou o aínda presidente da Xunta e candidato á presidencia estatal do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, de "danar a imaxe da Galiza" co seu apoio ao acordo de goberno entre o PP e Vox en Castela e León.

En declaracións aos medios este venres na Coruña, Formoso asegurou que o pacto é "unha mala noticia para a democracia española". "É a primeira vez en toda Europa que a extrema dereita entra no executivo dun goberno autonómico", explicou.

Asemade, incidiu en que o presidente do PP europeo, Donald Tusk, cualificou de "mala noticia" e "capitulación" a decisión do partido que aspira a dirixir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a "defenestración" de Pablo Casado.

O secretario xeral do PSdeG criticou que, "se esta é a moderación de Feixoo, a imaxe da Galiza queda seriamente danada".

Preocupación no PPE  polo acordo PP-Vox

O presidente do Partido Popular Europeo (PPE), Donald Tusk, mostrouse preocupado polo pacto de goberno en Castela e León entre PP e Vox que foi apoiado polo aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como líder de facto da formación.

Tusk, que anteriormente foi presidente do Consello Europeo, afirmou que agarda "só sexa un accidente e non unha tendencia na política española". O líder do PPE conversou cos medios comunicación na reunión previa dos populares ao cumio de líderes da Unión Europea (UE) que decorreu en Versalles.

Á reunión do PPE acudiu o presidente do Partido Popular estatal, Pablo Casado, que se manterá no cargo até que o suceda Feixoo. Precisamente, o presidente dos populares europeos destacou a figura de Casado como unha "garantía persoal" de manter o PP no centro dereita e non facer pactos con Vox, formación "radical e ultradereita".

Deste xeito, o dirixente polaco avisou ao presidente do Goberno galego que pactar cun partido político afín á extrema dereita como Vox non entra dentro das visións do PPE, ao que pertence o Partido Popular.

Comentarios