18-F | Barómetro para Nós Diario

Avance do barómetro electoral de EM-Analytics (2 de febreiro): o PP mantería a absoluta, mais suma menos votos que BNG e PSdeG

Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta sexta feira, 2 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

Estimación de voto e escanos para Galiza segundo a última entrega do barómetro de EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario', correspondente a esta sexta feira, día 2.
photo_camera Estimación de voto e escanos para Galiza segundo a última entrega do barómetro de EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario', correspondente a esta sexta feira, día 2.

O Partido Popular (PP) parte en cabeza de cara aos comicios do 18 de febreiro. Segundo as cifras do último barómetro elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario —correspondente a esta sexta feira, 2 de febreiro—, os populares obterían o 45,8% dos votos e 39 escanos, tres menos que na actualidade.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) arranca en segunda posición con 27,6% dos sufraxios e 23 escanos, catro máis que os conseguidos nos comicios de 2020. O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) sitúase en terceiro lugar, con 18,5% dos votos e 14 escanos. Así, continúa por baixo da súa intención de voto de 2020, cando marcou 19,3% dos votos, mais rexistra unha alza de catro décimas en relación a esta quinta feira.

 

O Instituto Demoscópico EM-Analytics volve deixar fóra do Parlamento da Galiza o resto de formacións que concorren ás eleccións galegas. Sumar rexistra 3,4% dos sufraxios, tres décimas menos que esta quinta feira; Vox 1,8%, seis décimas menos que na anterior entrega; Democracia Ourensá, 5,8% na circunscrición de Ourense, catro décimas máis que o día anterior, e Podemos un 0,8%, unha décima menos.

Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta sexta feira, 2 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.

FICHA TÉCNICA

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 31 de xaneiro e 1 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios