18-F

Así reaccionaron os partidos ao barómetro de 'Nós Diario'

Os principais partidos que concorren ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro responden a 'Nós Diario' coas súas reaccións ao barómetro publicado por este xornal.
Avance do barómetro de 'Nós Diario' elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics.
photo_camera Avance do barómetro de 'Nós Diario' elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics.
  1. PP
  2. BNG
  3. PSdeG
  4. Sumar
  5. DO
  6. Podemos

Nós Diario fixo público este sábado o barómetro completo elaborado por EM-Analytics que outorga 39 escanos ao PP, tres menos dos que ten actualmente. O BNG obetría 22 actas, tres máis das actuais, O PSOE retrocedería nun escano obtendo 13 e a Democracia Ourensá (DO) de Gonzalo Pérez Xácome entraría no Parlamento cunha acta.

Así, os principais partidos que concorren ás eleccións do 18 de febreiro (18-F) reaccionaron a esta enquisa preguntados por Nós Diario:

PP

Ante a pregunta deste xornal sobre o barómetro, o equipo de campaña do Partido Popular decidiu “non facer valoración” ningunha.

BNG

Pola contra, o principal partido da oposición, o BNG, asegurou a este xornal que “vemos a enquisa con atención e cautela porque sabemos que cada vez as campañas son máis determinantes”. A formación nacionalista analiza ademais que “a tendencia está clara, e é un PP á baixa e un BNG á alza” polo que ven “posibilidades moi reais de encabezar o goberno do cambio na Galiza”.

PSdeG

Preguntado por este xornal, desde o PSdeG indican que "nunca entran a valorar enquisas".

Sumar

Pola súa parte, desde Sumar Galicia aseguran a Nós Diario que “todas as enquisas, agás esta, din que Sumar Galicia xa está dentro do Parlamento”. En opinión do movemento Sumar na Galiza, “desde logo estamos ante a excepción que confirma a regra. Sumar Galicia será o detonante do cambio político xa que ada deputado de Sumar quítalle un deputado ao PP”.

DO

Desde DO, preguntados por este xornal, aseguran que “un deputado é o noso chan, contamos con dous ou tres”. Ademais, a formación ourensá indica que “buscamos ser chave na formación do próximo goberno da Xunta”. Sobre a posíbel maioría absoluta do PP, desde DO cren que “non o vai conseguir porque discrimina zonas do territorio como por exemplo Ourense”.

Podemos

Finalmente, desde Podemos inciden a respecto do barómetro de Nós Diario que “calquera enquisa que outorgue maioría absoluta ao PP é unha mala noticia, queda moita campaña por diante para dar un cambio”. Aliás, aseguran que “Podemos está afeito a que se lle minusvalorice nas enquisas cunha finalidade de desanimar o noso electorado.  Sen Podemos no parlamento volvemos á vella política de antes do 15-M, unha política de despachos e lugares escuros. O 18 de febreiro decidamos o noso voto polo que pensamos”.

Comentarios