Araceli Xestido, alcaldesa de Cangas (BNG): "Ante a parálise política, proporei sempre o acordo, sexa en orzamentos ou urbanismo"

O parto da Alcaldía de Cangas (O Morrazo) e a posta en marcha dun Goberno municipal xa foi complicado en xuño pasado. Á fronte dun equipo de goberno compartido con PSdeG e Esquerda Unida, a alcaldesa do BNG, Araceli Xestido (Moaña, 1978), afronta o reto con optimismo, pero a oposición (PP e Alternativa dos Veciños) acaba de botar abaixo os primeiros orzamentos que presentou. 
 
Araceli Xestido, alcaldesa de Cangas (O Morrazo). (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Araceli Xestido, alcaldesa de Cangas (O Morrazo). (Foto: Xan Carballa)

—Vostede empezou de edil do BNG en Moaña, e despois dun tempo aparece na candidatura de Cangas, e logra a Alcaldía.
Son natural de Moaña, dun lugar limítrofe entrambos concellos, Ameixoada, lindante con Coiro. A miña persoa de referencia na política foi Xosé Manuel Millán [alcalde de Moaña entre 2003 e 2011] que tamén foi profesor meu no instituto. Estudei Ciencias Políticas e a vida levoume un tempo a traballar na emigración en Inglaterra e ao regreso noutras ocupacións laborais, pero sempre con vontade de participación política co BNG. Estiven de concelleira varios anos en Moaña, até que xa estando no Goberno Leticia Santos en Moaña, por razóns persoais tiven que deixalo. Agora xa hai sete anos que vivo en Cangas. Decidimos afrontar un proceso de renovación nas listas e escolléronme para encabezar a candidatura. Na campaña o pulo maior déunolo o desexo de que rematase un tempo demasiado prolongado de cambadelas na vida política de Cangas.

—E escóllena alcaldesa cun panorama por outra parte sempre complexo aquí.
Moi complexo. A lexislatura anterior foi a do falecemento do alcalde Xosé Manuel Pazos, substituído na Alcaldía por Victoria Portas (AV). Os resultados despois deses anos difíciles deixaron un mapa moi dividido. O BNG ten 6 representantes; PSdeG-PSOE, 3; Alternativa dos Veciños (AV), 1; EU, 1 e o PP, 10. A maioría conformouse só para o pleno de investidura, pero AV decidiu non entrar no Goberno, e agora movémonos nun equilibrio difícil porque se precisan 11 votos para superar o PP e os acordos non se están dando, como se viu no rexeitamento dos orzamentos hai unha semana.

—Non houbo maneira de que o Goberno fose a catro? 
Esa foi sempre a nosa folla de ruta, pero non foi posíbel. E agora temos claro que haberá que negociar continuamente todas as decisións. Xogaremos coas cartas que temos nunha situación difícil. 

—Ter o Goberno, aínda nese equilibrio inestábel, dá marxe para funcionar?
Tes potestades para gobernar, pero só na axenda menor do día a día. Non podes aprobar uns orzamentos, non podes propoñer un Plan de ordenación urbana, non podes facer contratos maiores… E xestionar nesas condicións é moi difícil.

Cangas nunca aprobou un Plan de ordenación e seguimos funcionando con normas subsidiarias"

—E cales son os desafíos principais de Cangas?
Temos moitos, pero non poden saír adiante sen consenso, e vexo que desde a oposición, tanto de dereita (PP), como de esquerda (AV), hai pouca vontade de axudar. Os orzamentos que ten Cangas son prórrogas do aprobado en 2020 en tempo da Covid, con partidas esgotadas e a proposta que as dúas forzas rexeitaron nestes días eran osíxeno. Botáronos abaixo argumentando formalismos e sen ir ao fondo da cuestión. E a situación é grave. Recibimos en xuño un ciberataque que mesmo retrasou moito o pago aos provedores, temos débedas de case 900.000 euros que se ían abordar con este orzamento, e agora nos obrigan a unha aprobación extraxudicial de crédito… No fondo, o rexeitamento só persegue castigar sen máis un Goberno que vén de ser escollido nas urnas.

Polo demais, Cangas ten un déficit histórico en materia urbanística, nunca se aprobou un Plan de ordenación e seguimos funcionando con normas subsidiarias. É algo excepcional, pero desde as primeiras eleccións democráticas estamos así. 

Houbo proxectos, borradores, e temos intención de avanzar na materia durante o mandato, aproveitando os documentos xa feitos, porque se gastan cartos nas elaboracións e non chegan nunca a porto, todo queda no caixón. Funcionar así é moi negativo, porque crea inseguridade xurídica aos propietarios, non hai solo industrial, etc. 

A día de hoxe non se albisca no horizonte solución, pero igual que tiña a obriga de levar uns orzamentos ao pleno, e retratar a postura de todas as forzas políticas, co plano de urbanismo farei igual.

Orzamentos e plan urbanístico son a radiografía que cadaquén fai de Cangas e as propostas de cadaquén para saír adiante. Seguirémonos sentando as veces que faga falta para colaborar, pero a día de hoxe non vexo vontade na oposición.

—A posibilidade dunha moción de censura está sobre a mesa?
Iso non o sei, non é unha pregunta para min.

—No urbanismo de Cangas o grande elefante no horizonte é a factoría de Massó e os seus terreos?
O problema do urbanismo en Cangas é global, pero claramente Massó é un asunto principal. Lévanse décadas actuando parcialmente aquí e alá, remendando. O potencial da área é moi grande, e queremos recuperala sabendo que o litoral é intocábel. Hai que humanizar e darlle valor, porque está abandonado; hai que procurar que parte do terreo que ten catalogación industrial pase a habitacional de baixa densidade, non para crear unha minicidade. 

Deberá ser un proxecto que se integre en Cangas e recupere os edificios do que foi a fábrica para xestión municipal. Sen esquecermos que debemos tramitar un ordenamento e acordar con Abanca, que hoxe ten a propiedade. En todo o que propoñamos en materia de ordenación urbana farémolo con diálogo e buscando un amplo consenso social.

—O que si parece cousa do pasado é que as zonas achegadas aos areais fosen paraíso da construción ilegal.
Iso quedou atallado e os conflitos, que foran moi rechamantes e con demolicións incluídas, quedaron felizmente atrás. 

—Vostede coñece ben a situación da sanidade en Moaña, que leva mobilizándose 96 semanas consecutivas. Aféctalle esa deficiencia tamén a Cangas?
Indirectamente si, porque nas tardes comparten connosco o centro de saúde. Pero temos tamén unha reivindicación moi activa dos colectivos do Hío, que cada quince días reclaman a apertura do consultorio que alí fechou durante a pandemia, como noutros lugares, e xa non reabriron. 

—Cangas no verán ten unha presión de poboación enorme, non só de turismo que se aloxa, tamén do que vén diariamente desde Vigo. A suposta idiosincrasia de Cangas, convertida case en tópico, de que aquí había un rexeitamento a esa “invasión”, algo ten de verdade e case de vangarda sobre o que se coñece como turismo sostíbel?
Pensa que aquí ao mercadiño, desde hai moito tempo, chamábaselle “Os Invasores” [risas]… Temos uns 27.000 habitantes e a poboación multiplícase moito no verán. Cando chegamos, xa non había tempo a mover nada no plano de continxencia, todo o relativo ao verán estaba a medio facer e non podíamos acometer mudanzas. A idea nosa é que estes meses vindeiros sirvan para unha mellor planificación, porque tal como é a rede viaria nosa, e a situación das parroquias e das praias, é moi complexo actuar con esa masificación instantánea e incontíbel do verán.

Non é só unha cuestión de ordenación ou de cartos, porque moitas veces é materialmente imposíbel absorber a masa de xente que aparece en áreas xa con densidades altas de poboación. É que nin sequera hai sitio en moitos lugares para ampliar viarios. Temos que buscar como sexa unha mellor convivencia para todos, os de aquí e os de fóra. Requírese planificar con horizonte de moitos anos, sabendo que Cangas é por completo distinta nos tres meses de verán ao resto do ano.

—Ademais, O Morrazo parece un lugar ao que veñan residir permanentemente máis e máis xente que fai a vida en Vigo.
Iso sempre foi así e pode seguir subindo. Estamos intentando coñecer ben a situación da vivenda, porque temos a mesma tendencia de aumento de prezos que noutros lugares pero co engadido da presión dos usos turísticos, que limita a oferta. 

—A pesar do panorama complexo que se deduce do que levamos falado, a vitalidade social de Cangas segue sendo destacada.
Iso é a substancia de Cangas, un lugar asombrosamente dinámico, que non o para ninguén aínda que o pretenda. É algo do que debemos facer bandeira a xente que estamos na vida política institucional, pero sobre todo tomar exemplo. Hai movemento veciñal, cultural, folclórico, deportivo,… nin tempo tiven aínda de reunirme con todo o mundo. E ese activismo demanda a acción do concello. Nunca dás cuberto cos locais municipais ou as instalacións deportivas as actividades que se propoñen… Sempre foi así historicamente Cangas, para todos na comarca unha especie de faro político de mobilización. Temos que volver a logralo. Porque as condicións naturais e ese dinamismo condénanos ao éxito, politicamente temos que buscarlle unha saída á parálise institucional.

A min como alcaldesa tócame a responsabilidade de bater na mesa e propoñer continuamente acordos"

O problema do concello non é económico, é político. En anteriores lexislaturas, como BNG, non participamos no Goberno, pero nunca buscamos paralizalo. A min como alcaldesa tócame a responsabilidade de bater na mesa e propoñer continuamente acordos, e imos facelo pese a todo.

Comentarios