XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

Ana Pontón pilotará a refundación ao obter o 87,5% dos votos

[ACTUALIZADA ÁS 23:47H] A candidatura liderada por Ana Pontón atinxiu 1.191 votos, por 170 que logrou a lista encabezada por Carlos Branco Ansoar, 131 en branco e 25 nulos.

[Imaxe: Adrián R. Bravo]
photo_camera [Imaxe: Adrián R. Bravo]

Ana Pontón logrou un amplo apoio da militancia do BNG para pilotar o proceso de refundación da organización nacionalista. A candidatura por ela encabezada obtivo 1.191 dos 1.517 votos emitidos, o que supón un 87,5% dos sufraxios. A outra lista, liderada polo concelleiro boirense Carlos Branco Ansoar, atinxiu 170 apoios, o 12,4%. Houbo 131 votos en branco e 25 nulos.

Con estes resultados, a candidatura que encabezaba Ana Pontón faise con 44 postos no Consello Nacional e a de Carlos Branco, con 6. Na Executiva Nacional, a repartición de cadeiras sería de 13 e 2, respectivamente.

Relatorio

O relatorio político que marcará o futuro do BNG foi aprobado con 1.035 votos, é dicir, o 79,1%. Contou con 130 votos en contra, o 9,9%, e con 142 abstencións, o 10,8%. A folla de ruta amplamente apoiada pola militancia representa o inicio do proceso de refundación a desenvolver no prazo máximo dun ano e a reafirmación da aposta en que exista un referente nacionalista nas eleccións galegas.

Após ter lugar a votación do relatorio político, o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, explicou, en rolda de imprensa, que "en base ao relatorio aprobado, a nova dirección que se vai escoller ten o mandato da militancia de recuperar a iniciativa política e social a través de varias vías", entre as que salientou a refundación.

Sobre o proceso de refundación, Lobeira puxo de manifesto que terá lugar baixo os seguintes principios: o dereito á defensa de autodeterminación, a defensa da democracia e dos intereses populares, a autoorganización do pobo galego, a solidariedade internacional e antiimperalista e un modelo social contrario á dependencia e sustentábel en termos de xustiza social.

O secretario de Organización do BNG sinalou que, en base ao relatorio político, a maior parte da militancia acordou que nas vindeiras eleccións "o pobo galego terá o dereito a escoller unha papeleta nacionalista, propia do país, sen dependencias nin tutelas, e en defensa das maiorías sociais e dos intereses da Galiza".

Lobeira tamén informou de que a ampla maioría da militancia, acordou "crear un órgano de coordinación municipal entre Concellos nacionalistas, non só do BNG, cunha estrutura estábel que represente un espazo de soberanía e de contrapoder a normativas e directrices contrarios ás maiorías sociais que veñan da UE ou do Estado español".

Ademais, deu conta de que se aprobou eliminar dos estatutos do BNG a incompatibilidade entre a candidatura á presidencia da Xunta e a condición de portavoz nacional. "Isto non implica que teñan que coincidir necesariamente, pero non nos autolimitamos".

Informe de xestión e emendas á totalidade

Contra o final da mañá tamén se aprobada por unha ampla maioría o informe de xestión do Consello Nacional saínte. Así, deulle luz verde o 77,4% das persoas que votaron e contou co 5,9% dos votos en contra. O 16,6% da militancia abstívose.

Ademais, foron desestimadas as catro emendas á totalidade ao relatorio político. A primeira en votarse foi a defendida por Carlos Aymerich, que contou co 16,4% dos votos a favor; co 71,3% en contra e co 12,1% de abstención.

A emenda á totalidade defendida por Anxo Collarte recadou o 7,3% dos apoios e contou co 69,6% dos votos en contra e co 22,9% de abstención.

A emenda á totalidade presentada por Carme Adán e Tereixa Paz –foron ambas as dúas quen defenderon o texto perante o auditorio- acadou o 31,2% dos votos a favor; o 58,3% dos votos en contra e o 10,4% de abstencións.

Por último, a emenda á totalidade defendida por Alba Nogueira obtivo o 27,2% de votos a favor; 0 61,1% dos votos en contra e un 11,6% de abstención.

Os autores e autoras das emendas á totalidade pactaron un texto conxunto no que se avogou por crear unha comisión de “refundación e confluencia”. A transacción foi entregada entre as persoas presentes no auditorio do Palexco minutos antes de comezar o debate.

Desde a tese do Consello Nacional saínte non se aceptou a votación da transacción entre as catro emendas á totalidade. Desta maneira, as catro emendas particulares foron sometidas ao voto de maneira individual.

Aymerich deixa entrever a súa saída

En declaracións aos medios, Carlos Aymerich, ex dirixente do BNG, deixou entrever a súa saída da formación frontista. "Creo que chega un momento en que non queda outra", salientou.

Preguntado polos medios por se se apartaba do Bloque, contestou: "si, pero seguirei sendo nacionalista. No BNG non podemos traballar". Afirmou que "polo de agora, non causei baixa, non enviei carta nin chamei o banco, pero que non teño camiño no BNG é evidente".

Nota de Sermos: Na redacción orixinal desta información titulamos con que a candidatura de Ana Pontón obtivera o 78,5% dos votos emitidos. En realidade, conseguiu o 87,5% dos votos a candidaturas, que é o parámetro a partir do cal se calcula a repartición de postos no Consello Nacional e na Executiva. O 78,5% aparece se temos en conta tamén os votos en branco (131) e os nulos (25).

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios