“Aperta - Homenaxe á concordia”, a escultura que lembrará Plácido Betanzos no paseo marítimo da súa Palmeira

A peza foi inaugurada este sábado, 11 de xuño, nun emotivo acto.

Aperta de Isabel Peralta (Foto: Nós Diario)
photo_camera Aperta de Isabel Peralta (Foto: Nós Diario)

Que os valores que atesorou en vida Xosé Plácido Betanzos García “non fiquen esquecidos e perduren na nosa memoria”. Este é o obxectivo da comisión integrada por amigos e familiares do docente palmeirense que se aliaron para que esta homenaxe tivese lugar.

Após cinco anos do seu pasamento, e catro da inauguración da placa que lle puxo o seu nome ao reformado paseo marítimo da parroquia de Palmeira, en Ribeira (comarca do Barbanza), o docente, político, escritor, “camarada” (como Betanzos chamaba a todas as persoas ás que apreciaba), Pleis (como lle chamaron afectuosamente xeracións e xeracións de alumnado ao que ensinou no IES Leliadoura) recibiu este sábado unha nova homenaxe: a instalación dunha escultura, obra da artista Soledad Penalta, elaborada en aceiro corten e que contén varios textos gravados escritos pola presidenta organizadora da comisión, Carmen García.

“Aperta-Homenaxe á concordia” é o título da escultura, un nome especialmente acaído para este memorial, sendo os apreixos esa maneira tan característica e cariñosa coa que Betanzos se despedía. Ese “Que tal estás, miña camarada? Como me alegro de verte! Unha aperta!” que quen compartiu militancia política ou social ten xa gravado na memoria.

Unha “Aperta” que apela á concordia, outra característica de Plácido que se fixo patente este sábado nun paseo marítimo de Palmeira ateigado, non só de familiares e amigas, senón tamén de representantes de todas as cores políticas.

“Aperta”, dixo Carmen García, a presidenta da comisión organizadora da homenaxe, na súa intervención, “como a nosa maneira de honrar aos que foron e aos que virán, defensores deses valores irrenunciábeis na construción dese mundo mellor que ambicionamos”.

"Aperta - Homenaxe á concordia", é, en definitiva, unha escultura viva, na se que homenaxea homes e mulleres de Palmeira, que destacaron en valores cívicos, tratando mellorar a vida dos seus veciños e veciñas, e que busca tamén "representar aos e ás que virán, que lideren eses valores democráticos". "Unha peza inspirada en Plácido, pero que constitúe unha homenaxe colectiva", afirmou García.

“Aperta. Homenaxe á concordia. Na honra da nosa xente, boa e xenerosa, defensora dos valores democráticos. Inspirada en X. Plácido Betanzos García”, reza unha placa destapada este sábado aos pés da escultura de Penalta.

Un bo e xeneroso

Militantes do BNG da Barbanza este sábado 11 de xuño na homenaxe a Plácido Betanzos. (Foto: Nós Diario)
Militantes do BNG da Barbanza este sábado 11 de xuño na homenaxe a Plácido Betanzos. (Foto: Nós Diario)

Nun evento dirixido polo técnico municipal de Cultura, Unai González, foron pasando polo micrófono persoas que puxeron de manifesto uns valores, os do político nacionalista, que agora ficarán para sempre na súa Palmeira natal.

Carmen García, a presidenta da comisión; a escultora Soledad Penalta; Unai González, tamén integrante da comisión organizadora; Pepe A. Castrelo, historiador de Palmeira; Manuel Ruiz, alcalde en funcións de Ribeira; e Sofía Betanzos, filla de Plácido, lembraron o docente como unha figura “conciliadora, boa e xenerosa”.

Tamén nas redes sociais se notaron as mostras de afecto cara a figura de Betanzos. O escritor Carlos Callón, que compartiu con Plácido militancia política no BNG, dedicaba unhas palabras a un “querido amigo da alma e grande patriota galego”.

“Poucas cousas eran tan importantes na súa vida como a loita polas traballadoras e traballadores, e a sementeira pola nación galega. Cantísimo aprendín del! Canto apoio me deu nos momentos ruíns! Que saudades teño de ti…!”, engadía Callón, fechando cun “continuamos adiante polo camiño que nos ensinaches”.

Luís Pérez Barral, candidato do BNG á Alcaldía de Ribeira, escribía “Plácido Betanzos foi un referente para as compañeiras do Bloque, por iso sempre está e estará na nosa memoria. Hoxe inauguramos en Palmeira esta escultura denominada ‘aperta’ para lembralo. Grande homenaxe e bo traballo da comisión. Apertas ao ceo camarada, sei que estarías moi contento”.

Comentarios