Anova aposta na incorporación do Foro galego e o Chamamento de Vidán a En Marea

A Coordenadora Nacional insta a desenvolver un encontro no mes de xullo que incorpore estes "novos continxentes". Pola súa banda, Mareas en común defende as primarias cun censo único. 

Beiras
photo_camera Beiras

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, compareceu publicamente este sábado (9 de xullo) no marco da Coordenadora Nacional da formación, reunida en Teo. 

Anova insta a incorporar Foro galego e o Chamamento de Vidán a En Marea e organizar un encontro este mes de xullo

En declaracións á imprensa recollidas por Europa Press, Beiras sinalou a aposta de Anova en incorporar "novos continxentes" a En Marea, concretamente aqueles que xa amosaron a súa vontade de se integrar como Foro Galego e as persoas que asinaron o denominado Chamamento de Vidán. Neste senso, dixo, desde Anova queren "contribuír á interlocución con todos os espazos da cidadanía que están dispostos a se integrar nas mareas". "Sabemos que son moitos, incluídos continxentes de cidadáns activos ideolóxica e politicamente no nacionalismo de esquerdas". 

Ese proceso que visa, explicou Beiras, a "ampliación e reformulación" de En Marea debería culminar nun "grande encontro" este mesmo mes de xullo do que saia un novo órgao de coordenación de En Marea que incorpore xa estas persoas e/ou grupos incluídas tamén as Mareas en Común que este sábado se reuniron na Estrada. Beiras defendeu a incorporación de "algunhas aportacións" deste espazo "sobre todo no plano da metodoloxía".
 

Candidatura de "consenso"

A respeito da persoa que se candidatará á presidencia da Xunta de Galiza nos comicios de outono Beiras defendeu un candidato de "consenso" elixido polos "conxuntos colectivos" que fan parte de En Marea (Anova, Podemos, EU e as mareas municipalistas) e "non cociñado desde arriba" que, en todo caso, podería ser sometido á ratificación do conxunto das persoas que participan na Marea. 
 

Primarias con censo único

Mareas en común acordaron este sábado no encontro de traballo desenvolvido na Estrada lanzar un chamamento ás forzas políticas que se insiren en En Marea para convocar unha asemblea constituínte da que resulte a candidatura ás eleccións de outubro. 

Neste senso, aprobaron un documento no que sentan as bases metodolóxicas de cara á configuración da candidatura, entre elas, a escolla através de eleccións primarias das persoas que comporán as listaxes e que prevén sexan desenvolvidas através dun único censo. Cuestións que se amosaron dispostas, segundo recolle Europa Press, a debater mais sen que se modifiquen "os elementos centrais". 

Comentarios