Ángeles Vázquez censura os alcaldes que rexeitan o proxecto de Altri: "Están a pedir que se prevarique"

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que espera que sexa "a principios deste ano" cando se faga pública a declaración de impacto ambiental do proxecto.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. (Foto: Xunta da Galiza)
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu ás críticas dos alcaldes de Melide, Arzúa e Santiso sobre o proxecto que Altri quere instalar no municipio de Palas de Rei (A Ulloa) aos que reprocha que pedir "que non se siga un tramitei adiante" é pedir "que se prevarique". "Eu nunca lle pediría a un alcalde que prevaricase", aseverou a responsábel autonómica antes de sinalar que espera que "haxa sensatez" e "que prime para o que foron elixidos os alcaldes: para rexer os seus municipios, achegar riqueza e informar dentro do que é a lei en si".

Tamén aproveitou para dicirlle aos rexedores que vexan "se eles están a facer os seus deberes". "Como alguén pode exixir á Xunta axilidade cando hai en certas zonas, e eu son coñecedora de primeira man, que simplemente para unha obra tardan até dous anos en dar unha licenza, aínda que non teñan informes sectoriais?", cuestionou.

Así mesmo, criticou que cando se pide unha reunión co presidente da Xunta "ten que ser sobre unha base" e, neste caso, na súa opinión, "non hai base até que non haxa declaración de impacto ambiental".

Nesta liña, Vázquez instou os alcaldes a "respectar a lei igual que ten que respectala a Xunta da Galiza". "Respectar a lei son uns prazos e, dentro deses prazos, se a documentación non é clara ou esta incompleta, a Xunta ponse en contacto co promotor para que clarifique ou faga as achegas necesarias", manifestou.

Á espera de todos os informes

Vázquez explicou que no momento no que estea a documentación e todos os informes sectoriais será a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a que faga a declaración de impacto ambiental correspondente que, tal e como asegurou a conselleira, "aínda non comezou porque aínda non chegaron todos os informes correspondentes".

Sen concretar datas, Ángeles Vázquez afirmou que espera que sexa "a principios deste ano", pero insistiu en que "a sabendas de que hai moitos informes que xa son concluíntes, hai outros que aínda non están finalizados ou a empresa non fixo as achegas necesarias". Ademais, lembrou que se deben contestar todas as alegacións ao proxecto.

Sobre as achegas que a empresa ten que engadir a petición dos técnicos, Vázquez apuntou que "é moi raro que se presente un expediente que está totalmente completo", xa que "se analiza de maneira exhaustiva" e hai "distintos técnicos especializados en distintas materias".

"Tratándose dunha empresa grande destas características, a lóxica é que os funcionarios e técnicos teñan absolutamente claro todo o proxecto e cando non é así o que se fai é demandar a información necesaria", reiterou.

Comentarios