Parlamento

Pontón prepárase para o Debate do Estado da Nación, que "confrontará" dous modelos: "O do PP, o pasado, e o do BNG, o futuro"

A formación nacionalista presentará medidas urxentes fronte á crise e proxectos transformadores "para pór en marcha un proxecto que sexa o dunha nova Galiza, viva, forte, dinámica, científica e feminista".
Ana Pontón durante a executiva do BNG esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón, nunha rolda de prensa. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este sábado que o Debate do Estado da Nación, que decorrerá entre os días 9 e 11 de outubro no Parlamento da Galiza, permitirá "confrontar" dous modelos: "O do PP, que representa o pasado, e o do BNG, que representa o futuro". "Estas son as dúas alternativas en condicións de poder liderar o futuro da Galiza", afirmou, antes de engadir que no debate veranse "cales son as propostas e alternativas que cada un defende".

En declaracións aos medios tras participar nunha reunión extraordinaria do grupo nacionalista para fixar as grandes prioridades deste debate, Pontón asegurou que o Bloque acudirá cunha "vontade clara" para que "se visualice que hai que escoller entre dúas opcións": "Ou un PP que representa o pasado e o pesimismo, ou un BNG que representa a esperanza e o futuro".

En opinión de Ana Pontón, o PP chega a este debate "sen forza" e "sen impulso". "É como un coche que ten o depósito na reserva e que ten dificultades para chegar a final de mandato. As pilas esgotadas, está a desexar que chegue o final do partido porque está esgotado, sen ideas e sen proxectos de futuro", exemplificou.

As propostas do Bloque para Galiza

Así, avanzou que a formación nacionalista presentará medidas urxentes fronte á crise e proxectos transformadores "para pór en marcha un proxecto que sexa o dunha nova Galiza, viva, forte, dinámica, científica e feminista". En concreto, a líder do BNG detallou que exporán unha proposta de resolución que pretende mobilizar 153 millóns de euros para pór en marcha tres medidas prioritarias: un bono escolar para "compensar os gastos extraordinarios do curso escolar máis caro da historia"; un cartón básico para a compra de alimentos e medicamentos para as rendas con menos recursos; e un fondo de rescate hipotecario que permita "paliar os efectos da suba das hipotecas".

En canto aos proxectos transformadores, a proposta do BNG pasa por "un novo modelo de país" baseado en tres alicerces: maior capacidade de decisión e ampliación do autogoberno; máis recursos, para o que ve clave pór "con decisión" unha proposta "ambiciosa de novo modelo de financiamiento"; e "un gran salto cara a adiante" en materia de innovación, transformación tecnolóxica e industria e fortalecemento dos sectores produtivos.

Ademais, as nacionalistas levarán tamén un "ambicioso programa de transformación" para facer fronte a "os grandes retos de futuro" que se centran na ciencia, o ecoloxismo, un novo modelo enerxético, o ámbito dixital, a cohesión, o feminismo, o benestar, a transformación da administración, os dereitos sociais, a repartición igualitaria de recursos públicos, a lingua galega, a cultura e o ámbito internacional.

En definitiva, Pontón resumiu que todas estas medidas servirán para "pór en marcha un novo modelo de país". "Sabemos que Galiza é infinitamente mellor que este Goberno gris do PP, que fai que o noso país perda", aseverou.

Comentarios