Pontón reitera o 'non' do BNG a Feixoo e advirte a Sánchez: "O voto do BNG hai que gañalo e hoxe non o ten"

"Imos usar a forza do noso voto, antes, durante e despois da investidura para facer valer os intereses do noso país", anunciou a portavoz nacional.

BNG
photo_camera Ana Miranda, Carme da Silva, Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Néstor Rego no Consello Nacional.

O BNG centrou este sábado o seu primeiro Consello Nacional tras o inicio do curso político en fixar as prioridades de traballo para os vindeiros meses cun común denominador: defender os intereses da Galiza. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou este sábado que o deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, "cumprirá a súa palabra" e votará 'non' á investidura de Alberto Núñez Feixoo, mais advertiu Pedro Sánchez que "o voto do BNG hai que gañalo" e, para iso, engadiu, "hai que cumprir coa Galiza e hoxe Sánchez non ten gañado ese voto".

Nunha intervención ante os medios no marco do primeiro Consello Nacional do curso político, Pontón asegurou que os nacionalistas van cumprir "co compromiso de defender unha axenda galega".

Nesta liña, lembrou ao PSOE que para conseguir o voto do BNG deben "cumprir coa Galiza". Ademais, lanzou unha mensaxe para os que "teñan a tentación de ignorar a forza" que, apuntou, lles deron os galegos e galegas: "Lembrarlles que a lexislatura é moi longa e que nun escenario sen maiorías absolutas cada voto conta, incluído o do BNG". "Imos usar a forza do noso voto, antes, durante e despois da investidura para facer valer os intereses do noso país", insistiu.

Así, Pontón sinalou que durante a próxima lexislatura "cada votación vai estar moi disputada" e "vai ser unha oportunidade para facer valer o voto do BNG na defensa da Galiza".

"Aí están os feitos", apuntou a portavoz nacionalista, antes de lembrar que o BNG "conseguiu unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9" ou "actuacións de mellora do ferrocarril".

Duplo compromiso

"Non nos conformamos e queremos moito máis; pero pregúntome, que conseguiron os 22 deputados restantes? Nada, porque quen marca a diferenza a favor da Galiza é o BNG", reivindicou. Neste contexto, Pontón reiterou que o BNG cumprirá "o dobre compromiso" de "impedir un Goberno da dereita de mans dadas coa ultradereita" e "defenderá os intereses da Galiza en Madrid".

Pontón anunciou que até ás eleccións galegas a formación nacionalista vai presentar unha batería de propostas de calado, "viábeis e ambiciosas", enmarcadas no que denomina axenda do cambio galego, que será tamén un adianto do programa de Goberno do BNG.

“Comeza a conta atrás para o cambio de goberno na Galiza”

“Comeza a conta atrás para o cambio de goberno na Galiza”, proclamou, “e somos conscientes das esperanzas que hai postas en nós, e por iso, máis que nunca temos que traballar coa man tendida para seguir sumando ao proxecto do BNG. A sociedade galega pode ter a tranquilidade e a confianza de que temos ese novo proxecto de país, claro e sólido para darlle un novo rumbo esperanzador a Galiza e mellorar a vida das persoas”.

O obxectivo é liderar a alternativa ao PP, “para pór en marcha o mellor Goberno galego da nosa historia, preparado para liderar Galiza desde o primeiro día, cun proxecto solvente e transformador. Ese é o meu compromiso e, con ese reto, imos desenvolver unha intensa axenda de traballo para o cambio galego”.

Comentarios