O BNG critica o "caos lexislativo" da Xunta da Galiza co seu empeño "en favorecer ás eléctricas"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta sexta feira un encontro co Goberno municipal de Pontevedra, unha cidade que puxo como "exemplo de creatividade". Ao remate, atendendo aos medios de comunicación e en relación a decisión do Tribunal Constitucional de admitir a trámite o recurso do Goberno español contra varios artigos da lei de acompañamento dos orzamentos galegos de 2025, denunciou o que considerou "caos lexislativo"do Goberno galego.
Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, reunidos co Goberno municipal esta sexta feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores, reunidos co Goberno municipal esta sexta feira en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou esta sexta feira a xestión da Xunta da Galiza polo que considerou "caos lexislativo" após a decisión do Tribunal Constitucional de admitir a trámite o recurso do Goberno español contra varios artigos da lei de acompañamento dos orzamentos galegos de 2025, o que supón a suspensión inmediata da nova normativa autonómica recorrida en materia de enerxía eólica e tamén de dependencia.

Respondendo ás preguntas dos medios de comunicación durante unha comparecencia en Pontevedra, Pontón defendeu o autogoberno galego, mais foi especialmente crítica co Executivo do PP, ao que responsabilizou do conflito xurídico aberto.

"O BNG somos unha forza política que cre que o noso autogoberno non debe estar limitado por Madrid", polo que asegurou que "imos defender sempre os intereses dos galegos e das galegas". Con todo, lembrou que o recurso se apoia no mesmo marco legal que defende o PP. "A acción que se está aplicando é o marco legal que defende o Partido Popular e logo quéixase porque o aplican", engadiu.

Ao seu xuízo, a política enerxética do PP non está orientada ao interese xeral, senón a beneficiar a intereses privados. Pontón tamén se referiu á suspensión do artigo que permitía recoñecer automaticamente un grao de discapacidade ás persoas con dependencia. Lembra que o BNG xa advertira dos riscos desta regulación. "O que facía esa normativa era perder dereitos aos usuarios", asegura, nunha crítica que compartían, segundo indicou, os colexios profesionais do ámbito social. 

Pontevedra, un exemplo

Ademais, que mantivo un encontro co Goberno municipal presidido polo seu alcalde,  Miguel Anxo Fernández Lores, situou de novo o municipio como un referente político, esta vez pola súa aposta pola "creatividade e a innovación" como eixos da acción pública e como unha referencia do modelo que defende a súa formación política cando asume responsabilidades de goberno.

A líder nacionalista destacou o traballo desenvolvido polo Goberno municipal como un exemplo da "capacidade de transformación" que poden ter as administracións locais cando apostan por novas formas de facer política.

Comentarios