Ana Pastor non desbota o peche dalgún dos tres aeroportos galegos

A ministra de Fomento sinala que todos poden ser viábeis mais non “cos resultados de contas actuais”

A ministra de Fomento, Ana Pastor, afirmou que "todos os aeroportos poden ser viables" porén subliñou que "non" coa actual conta de resultados, motivo polo que o seu departamento "está a implantar" un plan de negocio nas terminais españolas.

Estas declaracións fíxoas como resposta ás preguntas d@s xornalistas sobre se se vai pechar algún aeroporto en Galiza, tras participar na sinatura dun convenio en materia de rehabilitación co presidente da Xunta, o conselleiro de Infraestruturas e responsábeis de 31 concellos.

 "Estamos a implantar un plan de negocio en todos os aeroportos, non só nos galegos, senón nos de toda España, porque como vostede sabe a situación que eu herdei é dunha débeda de máis de 14.000 millóns de euros no grupo Aena", explicou a ministra.

 "Nun tempo de crise, o que queren os cidadáns é que se xestionen os aeroportos como xestionamos cada un de nós nosos propios recursos", agregou. Neste sentido, Pastor asegurou que xestiona os fondos públicos "mellor" que os seus "propios" e avogou por "non gastar máis do que se ingresa". "E niso estamos", apostilou.

Ana Pastor finalizou, así, resaltando que "todos os aeroportos poden ser viábeis, mais desde logo non coa conta de resultados que teñen nestes momentos".

Comentarios