Ameazas e insultos por substituír a 'Raíña das Festas' de Betanzos por "representantes" con independencia do xénero

A portavoz do BNG betanceiro, Amelia Sánchez, denuncia ter recibido numerosos insultos e ameazas, mesmo en presenza das súas fillas e no negocio familiar, após recoller no pacto de investidura do PSOE o non financiamento con cartos públicos de "actos sexistas" como a 'Raíña das Festas', unha tradición que levaba anos no foco da polémica. Non se suprime, porén, senón que se "moderniza" para dar paso á elección dun ou dunha "representante maior" e outra "representante infantil". Dialogando, defende a edil, "acéptanse todas as críticas", mais hai accións "que sobrepasan o límite do aceptábel".
Cerimonia da 'Raíña das Festas' do pasado ano. (Foto: Concello de Betanzos)
photo_camera Cerimonia da 'Raíña das Festas' do pasado ano. (Foto: Concello de Betanzos)

Máis dunha década levaba o BNG de Betanzos, e un sector cada vez máis amplo da sociedade, demandando a supresión da 'Raíña das Festas' por consideralo un acto "anacrónico e sexista". E o vindeiro mes de agosto, por vez primeira, as Festas de San Roque non coroarán ningunha raíña, ao abeiro do recollido no acordo de investidura entre a formación nacionalista e o PSOE para manter na Alcaldía á socialista María Barral. É un paso que xa deron no pasado outras vilas como Sarria ou Tui.

Non é, porén, unha supresión, senón máis ben unha "modernización" do evento, pois este ano os betanceiros e betanceiras poderán presentarse á elección dunha "representante maior" e outra "representante infantil", con independencia do seu xénero, a fin de eliminar ese cariz "sexista". Confirmouno a pasada quinta feira o Concello e parte da veciñanza non aceptou esta mudanza chegando mesmo, nalgúns casos, a trasladar a súa desconformidade ao terreo persoal, como é o caso da voceira do Bloque, Amelia Sánchez, que denuncia insultos e ameazas reiteradas.

"Cando entras na vida política, aínda que sexa nun municipio cativo como Betanzos, pasas a ser unha persoa pública e tes que asumir a crítica e a controversia. Pero hai certos límites que non se poden sobrepasar", defende a edil nacionalista, en conversa con Nós Diario. Ese "límite do aceptábel" ao que alude exemplifícao coa situación que sufriu esta sexta feira nun supermercado rexentado pola súa familia e na compaña das súas fillas: "Insultáronme a berro tendido".

Amelia Sánchez, durante un acto de campaña do BNG de Betanzos. (Foto: Nós Diario)
Amelia Sánchez, durante un acto de campaña do BNG de Betanzos. (Foto: Nós Diario)

Chamadas a boicotear o negocio familiar ou acusacións de "adoutrinar" o seu alumnado nas aulas —é mestra nun instituto público— non faltaron tampouco nos últimos días, se ben entón preferiu deixalo correr. Sánchez, con todo, evita "caer na vitimización". E tamén afirma que se trata "dunha minoría; moi ruidosa, pero unha minoría".

"Non quero parecer eu a vítima nin individualizalo, pois isto non é diferente do que acontece no resto da sociedade por mor do clima polarizado e radicalizado no que vivimos. Non nos escoitamos, só atacamos", lamenta. Desde o diálogo, reitera, "pódese abordar calquera polémica ou debate". E lanza un aviso: "Non imos retroceder fronte aos que pretenden vivir anquilosados no pasado".

Estes últimos episodios non a colleron por sorpresa, pois en Betanzos, asegura, "levabamos varias semanas cun clima enrarecido, tanto nas redes sociais como a pé de rúa". Esa tensión seguiu medrando co apoio ao grupo socialista na investidura, e a supresión da 'Raíña das Festas' acordada co equipo de goberno "foi a pinga que encheu o vaso".

Sobre a polémica xerada, lembra que, se ben moita xente pareceu "sorprendida" co anuncio, era unha cuestión recollida no pacto de investidura —defendendo "non financiar actos sexistas" con cartos públicos— e a respecto da cal, aliás, o BNG levaba varios anos impulsando diferentes campañas na defensa da súa "modernización". "É un avance, en termos de igualdade, para a toda a sociedade", conclúe, valorando que desde agora a veciñanza poderá tornar en protagonista das festas patronais independentemente do seu sexo.

Comentarios