Pontón ve Rueda "sen proxecto nin confianza no país”

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de “escapista e fóra da realidade” e sinalou que o PP “non ten proxecto para Galiza e non confía no potencial do país”.

 

Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

Ana Pontón amosoume moi crítica coa mensaxe de Fin de Ano do mandatario galego, a quen acusou de gobernar “para unha minoría de privilexiados, mentres ignora o sufrimento da maioría dos galegos e das galegas que o están pasando mal coa crise”.

A dirixente nacionalista culpou o PP do deterioro dos servizos públicos. Nesta liña, aseverou que “o que necesita a sanidade pública non son boas palabras en fin de ano, senón máis medios, máis profesionais e acabar con 13 anos de recortes e máis recortes dun Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”.

A máxima responsábel do BNG indicou que “o que non di o señor Rueda no seu discurso e que hoxe temos listas de espera en Atención Primaria, non di que hai PACs sen persoal médico e non di que hai miles de nenos e de nenas sen pediatra asinado”.

Sanidade pública

Pontón culpou o Goberno galego da marcha de facultativos do país como consecuencia das “condicións de precariedade instaladas na sanidade pública polo Partido Popular”. Na mesma dirección, criticou os populares por non pór en marcha” nin unha soa residencia pública” de maiores nestes últimos 13 anos.

A voceira do BNG denunciou a política económica do PP. Nesta dirección, afirmou que “os feitos e non os discursos son os que definen a un Goberno” e insistiu que “malia as palabras do señor Rueda, estamos ante o Goberno do pelotazo fiscal que lle agasalla 34 millóns de euros as 7.700 persoas con máis patrimonio”.

A responsábel nacionalista afeoulle ao Goberno do PP “que non puxo ningunha medida para paliar a subida dos prezos, nin dos alugueres, nin das hipotecas. Ao contrario, votou en contra das proposta que desde o BNG levamos ao Parlamento”.

Ana Pontón acusou o Goberno galego de “gobernar para unha minoría, gobernar para as eléctricas non é defender Galiza, nin é defender as PEMES, nin é defender ás persoa autónomas que teñen que sacar adiante os seus negocios, nin é defender a clase traballadora e ás familias que o están pasando mal coa escaldada de prezos”.

Submiso a Madrid

A dirixente do BNG cualificou Rueda de “submiso á estratexia que lle marca o PP de Madrid, incapaz de defender os intereses de Galiza ante o Goberno do Estado, por iso non logrou financiamento para ningún proxecto estratéxico”.

Pontón concluíu que “ escoitamos un discurso escapista, no que as boas palabras non poden agochar a realidade dun Goberno do PP esgotado, sen proxecto de futuro para Galiza, que persiste no deterioro da sanidade e dos servizos públicos, que goberna para unha minoría pero ignora o sufrimento da maioría ante a crise”.

Comentarios