A rede eléctrica non dispón de potencia para fornecer enerxía suficiente a Altri

O proxecto do grupo portugués Altri de erguer unha fábrica de viscosa en Palas de Rei, na Ulloa, semella cada vez máis lonxe. Á negativa do Estado a financiar o proxecto tal como foi formulado súmase agora a denuncia do Partido Popular sobre a incapacidade da rede eléctrica galega para fornecer de enerxía esta factoría.
O CEO de Altri, José Soares, Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos en Compostela o 24 de abril de 2022 (Foto: Europa Press)-
photo_camera O CEO de Altri, José Soares, Alberto Núñez Feixoo e Miguel Corgos en Compostela o 24 de abril de 2022 (Foto: Europa Press).

O Parlamento da Galiza debate esta terza feira unha proposta do grupo parlamentario do PP onde defende a “construción dunha nova subestación eléctrica, unha liña de conexión e unha entrada e saída á liña de 220kV existente entre Mesón do Vento (Ordes) e Belesar (Chantada) para atender en condicións óptimas as necesidades de subministración da fábrica de fibras téxtiles sostíbeis de Altri en Palas de Rei”. 

Os populares defenden a súa alternativa asegurando que “están a promoverse na Galiza unha serie de proxectos industriais intensivos en enerxía que precisan conexión á rede eléctrica para atender o seu consumo e poder garantir así a súa viabilidade e competitividade. Este é o caso das plantas de Altri, Showa Denko e H2 POLE, entre outros”.

A proposición do grupo popular chega despois de advertir a secretaria xeral de Industria da Xunta da Galiza, Paula Uría, que a fábrica de Altri “necesita unha liña directa á rede, da que depende a viabilidade do proxecto”. Nesta dirección, o Goberno galego remitiu un informe ao Estado, redactado en parcería coa dirección da planta de viscosa, onde formulou estas demandas.

O documento elaborado pola Xunta da Galiza incide na necesidade dunha nova conexión de Altri ás liñas de transporte eléctrico para garantir que a planta de Palas de Rei conte coa enerxía suficiente. A este respecto, asegura que a factoría vai requirir 110 megawatts a partir de 2025.

Sen fondos Next Generation asegurados

Os problemas de subministro eléctrico non son os únicos que enfronta o proxecto. O domingo 18, nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, afirmaba que o Goberno do Estado viña de sinalar a Altri a necesidade de fraccionar a proposta en 17 proxectos se quería optar a algunhas das axudas financeiras procedentes dos fondos de Next Generation. A resposta do Executivo estatal vén confirmar que a proposta da pasteira lusa non ten encaixe en ningún dos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte). 

Nesta liña, xa se tiñan manifestado especialistas en fondos comunitarios como o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Diego Sande Veiga, quen en declaracións a Nós Diario sinalaba que “o proxecto de Altri nos actuais Perte unicamente tería cabida no dedicado á economía circular. Mais o significado da economía circular transcende o obxecto deste proxecto”.

Segundo Sande, "o concepto de economía circular consiste nun modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posíbel para crear un valor engadido". Asemade, a esta dificultade súmase a insuficiencia de fondos, posto que a contía total destinada a financiar as propostas de economía circular é de 492 millóns de euros, unha cifra insignificante para as pretensións de axuda pública que ten o grupo.

250 millóns de fondos públicos

O emprazamento da fábrica de viscosa en Palas de Rei está condicionada pola promotora a recibir axudas públicas que cubran perto de 30% do investimento. A pasteira portuguesa reclama para instalarse na Galiza unha subvención estatal situada entre 220 e 250 millóns de euros, tras orzar en 850 millóns o custo de instalación e posta en funcionamento da factoría.

A Xunta da Galiza e os responsábeis da compañía non agochan xa as dificultades do proxecto. Nesa dirección, a comezos do pasado mes de novembro, o vicepresidente de Altri, Carlos Sousa, recoñecía en Santiago de Compostela que “o punto crítico do proxecto é o financiamento” e reclamaba un Perte específico para o sector forestal.  

Comentarios