O Goberno galego analizou na súa reunión semanal decorrida esta quinta feira un informe da Consellaría de Facenda que certifica que o impacto das rebaixas impositivas que o Executivo español anunciou no marco do seu último plan para combater o efecto da inflación será de 276 millóns de euros nas arcas galegas.
Isto é, Galiza deixará de recibir 276 millóns de euros relativos á recadación do IVE, imposto indirecto cuxa competencia é estatal e que despois o Estado entrega á Galiza.
Por outra parte, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recoñeceu en outubro -cando entregou o proxecto de Orzamentos da Xunta de 2023 ao presidente do Parlamento- que a Consellaría de que é titular deixaría de recadar 592 millóns de euros en 2023 en concepto de impostos directos que recada a propia Xunta, e entre os que figura a bonificación fiscal de 25% en Patrimonio para ás grandes fortunas aprobada nos orzamentos para este ano.
En suma, entre impostos directos e indirectos, A Xunta deixará de recadar, segundo as cifras anunciadas polo propio Executivo, un total de 868 millóns de euros en 2023.
Acerca da caída na recadación de 276 euros para a Galiza en concepto do IVE, o titular da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que é "perfectamente consciente" da necesidade de dar pasos para frear o golpe da alza dos prezos. Con todo, reclamou coñecer se haberá mecanismos de compensación polas rebaixas en impostos 'compartidos' como o IVE que terán efectos sobre a recadación galega.
Rueda, quen xa incidira no seu día en que este plan reflectía un "esforzo" común da Administración española e a galega, volveu queixarse, ademais de que a rebaixa do IVE para alimentos básicos deixe "fóra" produtos como a carne e o peixe. Así mesmo, remarcou que os 276 millóns que Galiza deixaría de ingresar responderían á prórroga da redución do imposto especial da electricidade (un impacto de 155 millóns) e ás rebaixas do IVE do gas (uns 24,6 millóns de euros menos), sobre a electricidade (54,5 millóns menos) e de alimentos básicos (42 millóns menos).
Sanidade
Tamén no Consello da Xunta de esta quinta feira, Rueda anunciou a aprobación dun plan que expón para 2023 "intensificar" a actividade nos centros de saúde e nos hospitais da Galiza para alcanzar, mediante novos programas e a autoconcertación (labor que se realiza fóra da xornada ordinaria), un obxectivo: reducir as listas de espera a niveis "mellores" aos alcanzados no ano 2019, antes da pandemia.
Aliás, o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que a peor situación se dá na área de Pontevedra-O Salnés, onde o Sergas "non encontra médicos para os Puntos de Atención Continuada (PAC)". No Grove, Caldas e Baltar (Sanxenxo), entre outros, a pasada fin de semana non tiñan ningún facultativo.