Alcaldes e alcaldesas do 'Pacto de Pedre' urxen melloras na estrada N-541: "Non queremos que sexa un cemiterio"

Os rexedores demandan ao Goberno español maiores investimentos en seguridade após o tráxico accidente de autobús da pasada Noiteboa que se saldou coa morte de sete persoas. E só uns días despois faleceu noutro accidente un motorista, moi perto da ponte de Pedre, lugar do primeiro sinistro.
Reunión das e dos rexedores do 'Pacto de Pedre'. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión das e dos rexedores do 'Pacto de Pedre'. (Foto: Europa Press)

Os sete alcaldes e alcaldesas agrupados no 'Pacto de Pedre' demandaron esta cuarta feira ao Ministerio de Transportes que adopte medidas urxentes para mellorar a seguridade na estrada N-541, unha das vías con maior sinistralidade do Estado e na que se rexistrou a pasada Noiteboa un tráxico accidente de autobús no que morreron sete persoas"Non queremos que a N-541 sexa un cemiterio", sentenciou o alcalde de Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra), Jorge Cubela, anfitrión dun novo encontro do grupo no que participan os rexedores do Irixo, Boborás, O Carballiño, Beariz, Punxín e Maside, ademais do Concello onde 24 de decembro de 2022 un autobus se precipitou ao río Lérez ao sufrir unha saída de vía no viaduto de Pedre.

Este sinistro, ao que seguiu semanas despois a morte dun motorista a poucos quilómetros de distancia, motivou a agrupación nunha fronte de parte dos alcaldes polos que transcorre a estrada que une Ourense e Pontevedra, a cuxos rexedores se dirixe agora o 'Pacto de Pedre' para solicitar o seu apoio nas reivindicacións de mellora do estado da estrada, a comezar por unha reforma integral do firme.

"Se empezamos un percorrido desde Ourense a Pontevedra podemos ver en moitos tramos como seguen aumentando as cruces e os ramos de flores da cantidade de vítimas que ao longo do tempo foi tendo esta N-541", afirmou Cubela, quen remarcou que esta fronte é "apolítica" ao estar composta por alcaldes e alcaldesas de distintas forzas.

Após incidir en que "isto non vai de siglas", Cubela remarcou que pretenden reverter unha "situación histórica" para terminar cos "numerosos accidentes" a través de investimentos para mellorar o estado de conservación da estrada nacional que, lembraron, é unha das principais arterias de comunicación entre estas comarcas, e que, por tanto, presenta un tráfico intenso, tanto de usuarios regulares como de actividades empresariais.

Así pois, apelan á implicación de "todas" as institucións para lograr este obxectivo e diríxense directamente, alén dos alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, aos gobernos das deputacións pontevedresa e ourensá.

Esperan que, unha vez se resolva a investidura e quede configurado un novo goberno, o futuro equipo do Ministerio de Transportes entenda as súas demandas como "prioritarias", xa que consideran "insuficiente" a partida de 4 millóns de euros destinada a melloras á estrada e que Cubela comparou co que suporía para un concello "o pintado" dunha vía.

Por tanto, demandan un investimento suficiente para renovar a capa de rodadura nos 100 quilómetros da estrada, que presenta un pavimento "gretado", "carente de adherencia" e no que "practicamente non hai sinalización", con problemas tamén de visibilidade, especialmente nas noites de inverno.

Tamén atendeu aos medios a alcaldesa de Boborás (comarca do Carballiño), Patricia Torres, que incidiu na importancia da estrada como "elemento vertebrador" para os municipios polos que transita e que os seus veciños padecen o estado dunha vía para a que, di, non son suficientes os "remendos". "Non é unha reclamación política, pero si, obviamente, necesitamos a implicación política, neste caso de quen está gobernando, sexa quen sexa, porque necesitamos investimentos reais para unha actuación integral", aseverou.

Comentarios