Alcaldes da Mariña critican que se “maquillen” datos e consideran “temeridade” manter as eleccións

Alcaldes do PP da comarca falan de evolución "positiva" mentres que rexedores do  BNG e PSdeG instan o Goberno galego a asumir as súas responsabilidades.
Control da Garda Civil na Mariña, fechada por coronavirus. Foro de Carlos Castro (Europa Press)
photo_camera Control da Garda Civil na Mariña, fechada por coronavirus. (Foto de Carlos Castro, Europa Press)

Alcaldes e alcaldesas da Mariña, onde se rexistra un brote con 131 casos (deles 10 xa se curaron) mantiveron unha segunda reunión telemática coa Consellería de Sanidade para analizar a situación nesta comarca do país.

Fronte aos rexedores do PP, os alcaldes socialistas e do BNG mostráronse críticos cos datos facilitados, polo que os reclamaron por escrito. Respecto diso, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, puntualizou a Europa Press que no seu concello trasladáronlles seis positivos, dous deles de alta, pero criticou a cifra de confinados por non ser concretada, "case mil", sinalou.

A alcaldesa de Viveiro sinalou que lles transmitiron que esperará a esta sexta feira por parte de Sanidade para avaliar "se seguen as mesmas medidas", se se amplía ou acouta máis a zona pechada polo brote. O seu homólogo de Alfoz, o socialista Jorge Val, destaca que "baixaron un pouco os contaxios".

Varios rexedores e rexedoras admiten que houbo "momentos tensos" na xuntanza

O rexedor socialista de Foz, Francisco Cajoto, admitiu, como outros alcaldes, que "houbo momentos tensos" na reunión telemática, sobre todo en relación a "as medidas a dispor de cara aos comicios do domingo" e en relación á "concreción dos datos".

"Solicitamos á Consellería que houbese unha corrección en canto ao ámbito competencial", explicou Cajoto a Europa Press en relación a que se delegou, como autoridades sanitarias, nos alcaldes e alcaldesas da Mariña os labores de control do cumprimento das medidas adoptadas con motivo do brote. Segundo lamentou, por parte de Sanidade aseguráronlles que "non se ía a facer corrección algunha".

Após insistir o alcalde de Foz que "colaboración toda", reiterou que lles "falta esa interlocución real e efectiva" e que se lles "escoite e atenden as demandas". Como outros compañeiros, lamentou que a Xunta, a través do presidente Alberto Núñez Feixoo, anunciase decisións antes da reunión cos rexedores da Mariña.

Diverxencias

A alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida (BNG), criticou o cambio de criterio á hora de trasladarlles os datos epidemiolóxicos "polo que é complicado facer seguimento real". E criticou que non coinciden cos que ten o Concello, xa que este ten coñecemento de persoas en corentena contactos directos de positivos, cando a Xunta lles indicou que "só hai un caso positivo" nesta localidade e ningún en corentena.

"Están a maquillar os datos para transmitir sensación de control", afirmou Hermida, quen subliñou "intencionalidade clara de tentar tranquilizar á xente para o domingo". "É imperdoábel non dicir á veciñanza o que hai", afirmou.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida (BNG), criticou o cambio de criterio á hora de trasladarlles os datos epidemiolóxicos "polo que é complicado facer seguimento real"

Ademais, após reclamar á Xunta "algún protocolo específico" para este domingo electoral "no caso de que vaian adiante as eleccións", contestáronlles que "había un protocolo moi claro", mais sen concretar actuacións concretas.

Desta forma, mostrou, en declaracións a Europa Press, a súa "sensación" de que "esa lealdade que se pide aos concellos non se está practicando desde a Xunta", reprochou, para apuntar que lle "gustaría saber se a valoración desta sexta feira vai ser cos datos reais".

 Alfredo Llano (PSdeG), mostrouse partidario de aprazar as eleccións na Mariña pola situación sanitaria. "Hai que tomar medidas", aseguro

O alcalde nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez, tachou de "moi tensa" a reunión telemática e cualificou de "intolerábel" que "cada día din os datos dunha maneira". "Non poden pedir lealdade", considerou e logo facer un "despropósito" coas cifras.

Eleccións

Suárez manifestou a Europa Press que algúns alcaldes lle trasladaron de novo á Xunta que se apracen as eleccións deste domingo porque lles "parece unha temeridade" co brote activo. "Iso pode ser unha carnicería", asegurou se van votar persoas con COVID e se estende o virus.

Tamén o alcalde de Burela, Alfredo Llano (PSdeG), mostrouse partidario de aprazar as eleccións na Mariña pola situación sanitaria. "Hai que tomar medidas", asegurou a Europa Press, á vez que insistiu en "cambiar as datas das eleccións" e "aprazalas" ata que se dean "todas as garantías sanitarias". "Dixeron que non era cousa deles", abundou, para lamentar que así os cidadáns non acudirán ás urnas "nas mesmas condicións".

O rexedor de Cervo, Alfonso Villares (PP), defendeu "non crear máis alarma innecesaria nestes momentos"

Outra visión

O rexedor de Xove, José Demetrio Salgueiro (PP), valorou a "tendencia positiva" ao rexistrarse "só tres positivos" porque "se nota o traballo feito desde a Consellería de Sanidade". "Espero que siga a tendencia para saír desta situación canto antes", afirmou.

Nesta liña, o rexedor de Cervo, o popular Alfonso Villares, expresou o seu desexo de que "as cifras sigan ese camiño" porque lles "tranquiliza". Ademais, defendeu "non crear máis alarma innecesaria nestes momentos" porque "non axuda nin á saúde das persoas nin á forma de vida doutras".

Mentres, o alcalde do Vicedo, o popular José Jesús Novo, resaltou que lles trasladaron a redución do número de casos e que se "está controlando a pandemia". "As noticias son mellores que onte", abundou.


 

Comentarios